Poética na noite de San Xoán
Había que saír dunha realidade abafante, da montaña rusa en que vivimos, a calor que sobe e que baixa, a chuvia que zorrega ou pinga, o tempo non terma de nós, os corpos canean máis que andan... Así que despois da conversa do xantar, en que falamos das ameazas máis ou menos silenciosas que vivimos, con máis ou menos consciencia: xenocidio do pobo palestino, o feminicidio que nos convoca nas rúas, a especulación coa vivenda, a dependencia das persoas maiores e o seu dereito a un futuro digno o tempo que lles quede, as posibilidades que se lle abren ou fechan á rapazada que remata os ciclos obrigados na educación, a situación laboral e vital das persoas migrantes, as novas maneiras de nos enganchar en novas adicións que nos converten en illas solitarias.... Problemas que van máis alá de chegarmos a fin de mes, que están fóra da porta da casa que habitamos.... Problemas e violencias que nos tocan ou percibimos, ás que se suman as declaracións do presidente de USA e todas as mentiras do totalitarismo que ameaza.
Entendo que haxa mocidade que me diga que ten medo, que non lle gusta o que lle espera, nin tan sequera a que ten o privilexio de estudar ou de formarse, vai poder facelo onde quere: nin quen aprobou a PAU, nin quen rematou a ESO e opta pola formación profesional, terá que ver onde se pode entrar. Sen ningunha neutralidade ideolóxica, sobre a oferta e a demanda de formación, señor conselleiro de Educación, nada é tan bonito como o pintan. Así que deixando de lado toda a burocracia da fin de curso, que pouco se atende ás demandas do profesorado para mellorar a calidade do ensino e canto se lle fai escribir para nada. Había que saír do rodopío para xotar tanta ameaza silenciada ou non, tanto temor e celebrar o San Xoán e decidín marchar á Coruña, para celebrarmos con Poetas (din)versos.
Desde 2009 o labor primoroso de Yolanda Castaño convócanos na Coruña para celebrar a palabra poética, convertendo o galego na lingua anfitrioa que recibe poetas doutras latitudes para dialogaren con poetas da literatura galega. Castaño, a poeta que leva a lingua galega polo mundo, que nos proxecta renovando un códice calixtino novo para que nos descubran, é quen tivo a idea, quen a segue a traballar, quen chama poetas, que se preocupa polo camiño de ida e volta, para nos coñeceren, para levaren na equipaxe a descuberta de sermos literatura nunha lingua propia nun mundo con tantas violencias máis ou menos silenciadas.
Remataba o ciclo anual con Lúa Mosquetera, a voz poética galega, e David Odiase, o poeta de Nixeria que descubría o noso territorio e nos abría o seu. Emocionáronos. El fíxonos tremer co seu recitado, un canto para nos encher o corazón de sol. Gustaríame telo escoitado en ioruba, creo que é a súa lingua materna. Emprega o inglés, seguimos a voz na compaña do galego proxectado no escenario. Non ten aínda libro para vender e percorre lugares escorrentado a dor universal, procuren na rede o recital no Ágora e gocen.
Por todo isto estivo ben ir á Coruña e saír co desexo de que veñan máis Poetas (din)versos e celebrar o diñeiro público ben investido polo Concello. Desexo que ese neno que vai no corpo de Lúa Mosquetera teña futuro en galego. Na praia, o minifundismo en cuadrillas parcelaba cacharelas e atentaba contra o lume comunal que resistía nos barrios.