Gozoso amor
O
día 13 de febreiro no Teatro Municipal de Tui a vida foi maxia e esa atmosfera de marabilla envolveunos a todas e a cada unha das persoas que asistimos á presentación do libro-disco, El mal de l´amor. A maioría non podiamos imaxinar todo o que nos agardaba, podiamos saber que Samuel Diz, guitarrista e tamén investigador, que xa nos sorprendera polo seu estudo sobre Xesús Bal y Gay e Rosita García Ascot, tiña algo novo que nos contar sobre un compositor que se chamaba Gustavo Durán; que ía tocar acompañado da voz do tenor arxentino Jonatan Alvarado. Alguén podería ter descuberto que Gustavo Durán, fora compositor, republicano comprometido dos que estiveron no campo de batalla, exiliado, primeiro en Inglaterra e despois en EEUU e, finalmente, un funcionario internacional que traballou para a ONU e percorreu moito mundo, até morrer en Alones, un lugar de Creta. De como o camiño de Samuel Diz e de Beatriz Fontán, a través do ronsel de Bal y Gay e de García Ascot, rematou na descuberta de Gustavo Durán e na lectura de tres cadernos inéditos que se atopan na Residencia de Estudantes de Madrid, tamén alguén podería ter sabido.
Quen coñecemos Samuel Diz non nos sotprendemos polo seu bo facer como intérprete, nin como orador. Non, non nos sorprende, mais sempre consegue emocionarnos, como se tivese algo para cada unha das persoas, e o día 13, así foi. Non era un día calquera, fora elixido para celebrar todas as diferentes maneiras de amar; tamén dixo que as 31 composicións antologadas dos cadernos de Durán, falan da imposibilidade de expresar o sentimento amoroso, de aí pode vir o título do disco, que é unha canción de Olot. Todo o que vivimos no Teatro de Tui permitiunos, precisamente, gozar e moito do amor.
Casou moi ben a voz de Jonatan Alvarado coa guitarra de Diz, mais eles non viñeron sós, chegaron acompañados das fillas de Durán e Bonté Crompton, Jane, que é poeta, e Lucy, etnomusicóloga, e de Marian Ash, neta de Dorthy Elmhirst, fundadora da Residencia Dartington Hall en 1925, un vello edificio do século XIV, restaurado que se converteu en lugar de acollida para artistas refuxiados do nazismo, onde tamén chegou Durán. Houbo no teatro desde o inicio unha conexión con ese lugar e ese tempo, para continuar viaxando.
Durán nas súas estadías en diferentes lugares do mundo como funcionario da ONU, conectou a música que levaba no seu interior, coa música popular que ía descubrindo e copiaba cancións e reinterpretábaas, como o mozo vinculado á Xeración do 27, que como a das Vangardas Galegas, aprenderan que a cultura cumpría revitalizala. Non se pode fosilizar o popular, iso sabían. Durán copia letras en castelán, euskera, portugués, provenzal, catalán, italiano, grego e linguas dos pobos orixinarios de América e arránxalles a música. Durán lembra Federico García Lorca e Diz e Alvarado interpretan ,"Prendimiento de Antoñito el Camborio", e rematan a viaxe coa que percorremos serras e atravesamos mares desde Perú até Grecia e por toda a península Ibérica que o exiliado nunca volvería pisar. A última interpretada esa noite foi de Martín Códax, que tamén fecha o disco. O libro é unha xoia, as fotografías animan para procurar na vida de Durán, a descubrir a obra do pintor Néstor Martín-Fernández de la Torre que retratou o músico. Cantamos con Jane e con Lucy, revitalizámonos, con amor.