Entre o tempo, Mabel Montes

Pérdese o relato entre o tempo e o espazo, non é doado narrar. Un acontecemento mestúrase con outro, todo se acelera, pérdese a orde dos días, todo é vello nun segundo, acumúlanse as novas de última hora. É todo unha cadea de borrascas, un temporal despois doutro que vai botando piñeiros abaixo, sen que nos dea tempo a apartalos do camiño. Quen pensa onde está Maduro? Quen fala xa do futuro de Venezuela? Todo perde actualidade mentres Trump confunde Groenlandia con Islandia. Todo perde importancia mentres se procuran respostas para os accidentes de tren.

A dor bate no peito entre tanta morte, paraliza sabérmonos vulnerábeis. Emocionan e conmocionan as historias das vítimas que saen do anonimato pola mala fortuna de iren no tren e a espera, sen esperanza, das familias e amizades na procura do corpo que confirme a mala nova. Emociona a veciñanza remangada para botar todas as mans e agradécese o labor do persoal sanitario, dos bombeiros e de quen logra organizar o caos. A dor que non cesa da curva de Angrois actualízase e revivimos a inxustiza. A dor dos maquinistas do tren. E instálase no ar a mesma pregunta, por que? Como se restaura a confianza da cidadanía? Que se pode dicir e que non se pode dicir do accidente?

Mentres Groenlandia se encontra entre a nostalxia e o silencio de Europa, chega á primeira plana a reunión do Foro Económico Mundial en Davos e a súa preocupación polos ciberataques.

A eclipse de sol que se poderá ver o 12 de agosto en Galiza contenta ao Goberno galego, que augura un aumento do turismo; xa está a traballar, cómpre organizarse para que todo estea en condicións para quen nos visite. O evento é a antesala do Xacobeo, como unha preparación para que deus os colla confesados.

Mais eu quería falar do outro tempo, o atmosférico, porque están as nubes chorando por un amor que morreu, porque choran as palabras, para dicir que cae auga, que hai chuvia, choiva, chuva; que hai borrascada e chega outra borrasca que se chama Ingrid e Mabel Montes xa nunca nola vai poder contar, como facía coas palabras atinadas que procuraba sentidas. Seica Ingrid pode facer que caian faíscas, farrapos, folerpas, follaca, melga, trapos... que se poña a folerpar, a nevar. Por iso choran as palabras, por medo de se perderen para sempre, en homenaxe a Mabel, por iso quero pensar que hai cerrazón, vai vir treboada e que está a lostregar. Que chove que arroia, a cachón, que cimbrea, que hai xistra. Que está a morriñar, hai pulpizo, parrumada, poalla, chuvisca, mollaparvos, marmaña, lapiñeira... Que cae sarabia, salpedrés, cebrisca, escarabana, salabreada, nevarisca, xeixada... Que hai brétema, néboa, mera, borraxeira... Que ventea frío, sieiro, guilsa, que vai viruxe, un vento que pela, que hai galerna e as vagas son vagallóns, que son fermosos os ruibéns, que cómpre agarimarse coa chuvia.

As palabras choran e morren se non se pronuncian, como choran as nubes por un seu amor que morreu. Vivir tamén é iso, comprender o tempo, tratalo co agarimo das menciñeiras boas, das que saben diagnosticar os airos que nos aflixen. É dialogar con el, ser a súa voceira, isto eras ti, muller do tempo, a mediadora entre el e nós. Mabel, levamos moito tempo sentindo a túa falta, por todas as palabras, contra a manipulación, seguiremos defendendo a galega. Obrigada, por facelo bonito.