Ao abeiro de Bóveda: Terra nomeada
Altri Non! Estas dúas palabras poderían titular esta columna, moen e remoen cabeza e corazón e son unha chamada para que este próximo domingo 15 de decembro acudamos á Alameda de Compostela para enchermos o Obradoiro coa nosa forza e sentido común. LV, de novo coa explotación do territorio, ruindade neoliberal, perversidade que ofusca, de novo para loitar contra unha celulosa; si, querida, e xa sabemos o que significa, abonda ver a ría de Pontevedra, ese fedor que delata a podremia. Esta vez nin tan sequera, pan para hoxe e fome para mañá, que o tempo agora vai moito máis veloz, a maldade nace multiplicada e chea de mentiras. Nada xustifica a desaparición da terra e do mar, do traballo que desexamos sustentábel, de vivirmos do propio e do que temos a man. Nada xustifica tanta cobiza. LV, é tan xigante este proxecto que non son capaz de que me entre na cabeza e non nos queda outra que nos mover. Agora, non é un barco que chega e racha e nos bota enriba a pezoña que mata; agora, non son responsábeis políticos ignorantes e perdidos na inutilidade dos seus dislates, na súa parvidade demagóxica. Agora, trátase dun proxecto que sabemos mata e remata cunha forma de vida sa, pola que moitas persoas apostan por amor á terra e ao mar, desde a Ulloa a Arousa; agora, trátase dun goberno que vende o territorio, o noso, que obedece a outros intereses, coma quen di, de novo a mudanza dunha nobreza-poder que nunca foi galega, a traizón. De novo.
Por iso, LV, neste ano que remata, non nos queda outra que nos armar de forza e ánimo. Paciencia, xa tivemos de máis. Se é preciso haberá que deter a maquinaria, como sexa. É o futuro o que está en perigo. Por iso, LV, quero lembrar na mesma semana en que o estado español declara ilexítimo o tribunal e ilegal e nula a sentencia que fusilou na Caeira Alexandro Bóveda; por iso quero lembrar as túas palabras, que limos no seu tempo, hai máis de vinte anos no semanario A Nosa Terra, e agora o facemos en Libro das colunas, ese texto titulado "Galiza, esa palabra"; a mesma palabra pola que mataron a Bóveda, pola que profían en matar en nós, materia de Alexandre Bóveda, desa mesma terra pola que morreu. Emocióname ver a Amalia, a filla póstuma do asasinado na Caeira, emociona e dá rabia, xa que Amalia nai, xa non está para saber que se recoñece que o seu home foi leal e de palabra até o remate.
Tamén quero lembrar, xa que de terra nomeada che falo, a Osvaldo Bayer, a quen tanto admirabas e non chegaches coñecer, a súa loita na defensa dos dereitos dos pobos orixinarios; dóeme tanto, LV, o que está ocorrendo na Arxentina con Javier Milei, só o podo resumir de xeito alarmante, os pobos orixinarios fican sen ter dereito a defender a súa terra, que sucumbirá en mans de empresas e proxectos paran asentar negocios de minaría, hidrocarburos, turismo e todo o que isto implica. Milei, tamén é a reencarnación do xeneral xenocida Julio Argentino Roca. Velaí o trunfo da perversión económica perante nós, a fome mata, tantas veces, como en Palestina, despois de Auschwitz.
É a mesma ameza que cae sobre terra nomeada, en galego, en mapuche, tehuelche ou ranquele, desde aquí á Patagonia. Por iso, estarás connosco este domingo, só a necidade nega de onde nos virá o poder, de Galiza, esa palabra. O amor e a forza do pobo non pode ser inútil. Nunca