Queren dicir algo as novelas?
Non me gustan as novelas de tese, as novelas con boas ou malas intencións, as novelas que mostran, pero sobre todo demostran. Non me gustan porque o seu sentido xa está prefigurado desde o principio. Para sacarlle o zume abonda con ler as primeira follas, do mesmo modo que, nas novelas policiais ou de intriga, chega con ler as últimas. E iso é algo que chama inevitabelmente o aburrimento.
Con todo, os xornalistas, en parte porque non teñen tempo para ler, acostuman preguntarlle aos escritores: E vostede que quería dicir con esta novela? Coma se a novela tivese que conter unha mensaxe, máis ou menos encriptada baixo os seus diálogos e descricións, que fose posíbel converter en noticia. Un novelista astuto, e ao tempo con grande acerto, contestou unha vez: a novela non tiña para min ningún sentido, pero agora, a medida que respondo as entrevistas, voullo encontrando.
Sei ben que a moitas persoas o que acabo de dicir soaralles a argumento enganoso. O propio de alguén que, cunha especie de sofisma ou truco de mago, pretende darse importancia, escurecendo a propósito o evidente.
Tentarei, entón, explicalo mellor. Escribir unha novela é como cavar un pozo. Non sabes cantos metros terás que afondar até encontrar auga e nin sequera estás seguro de que a auga acabe aparecendo. Pode ser mesmo que comezases a cavar nun terreo demasiado seco. Por iso a escrita ten algo de angustioso. Escríbese con altibaixos e dúbidas. Ao final, a maioría das veces, nin sequera o autor ou a autora son capaces de valorar o resultado.
En realidade, a metáfora do pozo non é exacta. Porque cunha novela nunca estás seguro de se o lograches ou non. O resultado da novela é sempre algo máis incerto, menos tanxíbel. En parte, porque a novela só se realiza totalmente mediante a opinión dos demais e coa peneira do tempo. Así hai novelas aptas para unha época que logo pasan de moda. E novelas que son descubertas moitos anos despois. Novelas que buscaban divertir, como o Quixote, e acabaron convertidas en clásicos nos que se visualiza a paradoxal condición humana.
Tamén hai novelas boas que nunca encontran o seu público, por falta de promoción, por estar escritas nunha lingua de poucos lectores ou porque coa morte repentina do autor todo se esquece e non queda ninguén que se preocupe de difundir a súa obra.
E tamén hai, por suposto, novelas que morren, como hai pozos que secan. Quen coñece hoxe, non digamos xa le, novelas como Sor Lucila ou Cleopatra Pérez, de José Ortega y Munilla, deputado por Padrón e autor moi celebrado e recoñecido na súa época?
Con todo, e a pesar da crítica que lle acabo de facer ao sentido expreso da novela, o certo é que necesitamos pozos para cruzar este deserto. A novela non dá respostas, pero apunta indicios, mostra sinais, orienta as preguntas. Non é pouco, tendo en conta a complexidade das persoas e da vida en xeral. As ditaduras simplifican o mundo, as novelas expándeno. Sen novelas non comprenderíamos nada e só nos quedaría o ruído e a furia.