Netanyahu séntese apoiado
En marzo de 2024, Suso de Toro escribía na rede social X: "Ao final os sionistas, coa súa crueldade sen límites, estannos a convencer de que, despois de todo, os nazis non eran tan malos. Tantas películas de Auschwitz e resulta que Gaza é peor". Foi un escándalo. Nove horas despois, o propio escritor corrixía as súas palabras: "O chío está mal redactado. Unha maldade non tapa a outra".
Porén, a primeira mensaxe xa se estendera por algúns medios, sobre todo da dereita, como ABC ou Telemadrid (como anécdota, resulta que os máis molestos foron aqueles máis próximos aos negadores do Holocausto. Un dos paradoxos xa típicos da dereita actual). Con todo, recoñezo que a min mesmo me pareceu excesiva a primeira mensaxe de De Toro, finalmente borrada por el mesmo. Pero como se ve o asunto agora, un ano despois?
As comparacións de Israel coa Alemaña nazi estendéronse. Probabelmente, aquela primeira mensaxe do escritor hoxe pasaría desapercibida. As propias redes veñen desde hai meses mostrándonos, non xa un xenocidio, senón unha matanza que non se nega nin se oculta, como si trataron de facer en cambio os nazis cos seus crimes, senón que se presume dela até o máis alto grado de inhumanidade. Hai que dicir tamén que, sen a existencia da internet e só cos medios tradicionais, coñeceriamos moito peor o que está a suceder.
A pregunta máis importante neste momento é por que Occidente tolera e incluso sufraga, con armas e diñeiro, este evidente crime a pesar mesmo das múltiples protestas que teñen lugar, cada día, nos seus propios países.
Para responder hai que ampliar o foco. O problema non é Israel. O problema de Occidente está no colonialismo. Israel é un instrumento, cuxa función consiste en manter fragmentado o mundo árabe e, por extensión, o musulmán. Pensemos que a Liga Árabe reúne a uns 470 millóns de habitantes e que os seguidores do Islam no mundo son uns 1.500 millóns. Se a iso lle sumamos o petróleo e a súa situación xeográfica, veremos que Oriente Medio podería converterse nun gran polo de atracción, como xa o foi historicamente.
Occidente foi capaz de cooptar, desde os anos setenta, algúns dos principais líderes árabes. Arabia Saudita é un dos principais compradores de bonos do Tesouro, aínda que ultimamente comeza a inclinarse cara os Brics, o que preocupa en Washington. Ao tempo, Occidente financia, como xa é sabido por diversos informes, o Estado Islámico e outros grupos radicais que operan en África e Asia. Trátase de manter divididos estes países. Marrocos, cunha poboación maioritariamente pro palestina, ve como o seu Goberno mantén relacións excelentes con Israel, obedecendo así a unha esixencia dos Estados Unidos.
E finalmente está o propio Goberno de Tel Aviv. Netanyahu ten explicado, con toda claridade, que Occidente nunca actuará en serio contra el. Sabe que está a facer o que Estados Unidos e a UE lle demandan. Nótese que, neste tema, apenas hai diferenzas entre Trump e Biden e tampouco as hai entre os Estados europeos.