Lectura oportuna de 'Mein Kampf'
O 18 de xullo de 1925, hai cen anos, saía do prelo o primeiro volume de Mein Kampf, a célebre obra de Hitler. A partir de 1945, a súa reedición e distribución estivo prohibida en moitos países. Aínda hoxe segue circulando con carácter restrinxido. Non obstante, sobre Mein Kampf proliferaron sempre as opinións, breves pero contundentes: unha pseudo-historia destinada a criminalizar os xudeus, dicíase. Había que opinar sen ler, coma se o poder contaxioso do autor permanecese intacto.
Con todo, cando o tiven na man e puiden lelo con calma, sorprendéronme dúas cousas: non falaba tanto dos xudeus como cabía esperar e Hitler admiraba sobre todo o imperio británico e así o repite en varias ocasións.
En realidade, a forma de argumentar do futuro líder alemán non era inhabitual. A unha escala por suposto menor, pode asociarse cos artigos que escribía Aznar, durante a Transición, en La Nueva Rioja. Tanto nun coma noutro, e salvando as naturais distancias, sobre todo de época e de auditorio, subxace o carácter dun iluminado e unha maneira de entender a historia como espazo para acadar o sublime. Esa ansia lévaos a ignorar os desexos das persoas e a prescindir da complexidade social, económica, etc.
Os xudeus están na base da súa teoría da raza, pero a medida que avanza o libro son cada vez menos citados. Para os nazis, os xudeus constituían esencialmente un problema policial, é dicir un asunto menor, fronte ao avance cara o leste que supuña un desafío militar. Na Alemaña da época, o obxectivo é o Drang nach Osten ou empurrón cara Oriente, máxime tendo en conta que no leste estaba a URSS co seu colectivismo.
Hoxe, Alemaña segue ollando na mesma dirección, como xa o facía tamén antes de Hitler, en tempos do Segundo Imperio, cando buscaba enerxía e espazo que colonizar, toda vez que outras potencias, sobre todo os británicos e os franceses, xa se lles adiantaran noutras partes do mundo.
Hitler que dispuña dunha biblioteca de 16 mil exemplares, aínda que tivo varias na súa vida, escolleu para Mein Kampf un estilo claro, pero suficientemente denso, que oscila entre a autobiografía, sobre todo ao inicio, e o manual de axitación, en toda a parte final, pasando por unha análise histórica, na que son doadas de encontrar as contradicións. Probabelmente non lle importasen, posto que: “o orador máis eficaz non é o que se dirixe á parte instruída, senón o que conquista o corazón da multitude”.
Hitler busca un camiño para Alemaña. A base filosófica encóntraa no individualismo, sempre oposto ás maiorías, e a forza na vitoria, bélica naturalmente, dos que se proclaman superiores. O perigo do xudeu non radica só en que non pertence, segundo el, a nación alemá, senón sobre todo en que é o perfecto aliado do marxismo. É ao marxismo ao que dedica o maior número de páxinas.
Con todo, o que máis chama a atención en Mein Kampf é o cinismo. Lonxe da típica hipocrisía liberal, Hitler comportábase coma hoxe Trump, cando di que quere converter Gaza en La Riviera.