Israel, a pistola de Occidente
En 1948, a prestixiosa intelectual xermano-norteamericana Hannah Arendt escribiu unha carta ao New York Times, que tamén asinaron outras persoas, na que afirmaba que en Israel había unha combinación de nacionalismo, fundamentalismo relixioso e racismo antiárabe que estaba levando o novo Estado a unha nova forma de fascismo.
Igual que viña sucedendo con outras crises internacionais, as plumas máis atinadas do liberalismo destacan pola súa capacidade para diseccionar, desde un primeiro momento, o conflito palestino-israelí. Teñamos en conta que a carta de Arendt foi enviada o mesmo ano que se fundaba o propio Estado xudeu.
A alta capacidade para a disección viña herdada, en parte, do ánimo clasificatorio mostrado, desde o século XVII, polos ilustrados e, doutra parte, da enorme práctica dos xudeus, acostumados a facer exexese dos textos bíblicos. Non en balde, o máis interesante da intelectualidade occidental ten orixes xudeus. A propia Arendt naceu nunha familia xudía secularizada.
Ese liberalismo metodolóxico que tiña en conta, como unha das súas bases teóricas fundamentais, a Declaración de Dereitos do Cidadán da revolución francesa e máis tarde a Declaración Universal da ONU, non mostrou en cambio moita eficacia na práctica. De 1948 a hoxe, pouco ten cambiado en Palestina, salvo o incremento constante do número de asasinados.
A Europa que agora tanto se queixa de Putin, aínda a risco de arruinar a súa propia economía, é incapaz de poñer coto a esta matanza, quizais porque no caso de Israel non se pode dicir que o diagnóstico de Arendt sexa, en verdade, o centro do problema. Non hai que escavar en montañas de grises documentos para saber o que realmente sucede. Díxoo ben claro, hai pouco, Friedrich Merz, o chanceler alemán: "Hai que agradecerlle a Israel que faga o noso traballo sucio".
A prensa occidental non censurou está declaración, pero tampouco a lembra. A súa censura é sutil, sofisticada e anovadora e, sobre todo, ten detrás un gran poderío económico. Os medios constitúen un novo ramo do exército. Nin Rusia, nin menos aínda China, son capaces de competir nese terreo.
Así que falemos de dereitos humanos, pero centrémonos un pouco máis nos intereses económicos e políticos, verdadeiro miolo do problema. Israel controla as augas subterráneas do territorio palestino, outro dato que habitualmente tampouco se ofrece. Pero, sobre todo, Israel existe para manter en xaque os países petroleiros e para impedir o desenvolvemento natural da cultura árabe e islámica, neutralizándoa e tamén manipulándoa, ás veces de forma paradoxal, nun sentido extremista. Apenas hai mostras, por exemplo, de conflito real entre o Estado Islámico e Israel, a pesar das súas narrativas enfrontadas.
O Estado de Israel tamén serve para cortar a ancestral ruta entre Asia, Europa e África. Poderíamos dicir que representa unha alfándega ben armada, cun orzamento engraxado anualmente por 3.800 millóns de dólares (recoñecidos) procedentes dos Estados Unidos.