Hai que ler os rusos

Juan Tallón, escritor de Vilardevós, ben situado no catálogo de Anagrama, di que hai que ler os rusos. Foi un consello do seu pai, cando empezaba a publicar: hai que ler os rusos. Nas bibliotecas do franquismo figuraba, case sempre, Crime e castigo de Fyodor Dostoievski. Os rusos sabían narrar os grandes acontecementos pero tamén eran reflexivos. Unha visión esférica e, ao mesmo tempo, de psicoloxía penetrante.

Neste momento, o libro a recomendar sería Guerra e Paz, de Leo Tolstoi. O exército francés avanza e chega a ocupar Moscova, pero unha vez alí non sabe que facer. Rusia é demasiado grande. A Grande Armée regresa, acosada polos soldados de Kutúzov, vai perdendo soldados e canóns. Volve a Francia minguada, derrotada. Nas grandes chairas do leste deben permanecer aínda enterradas as fibelas das correas e os gorros frixios.

Pouco se cita estes días a Tolstoi. Aínda menos a División Azul. Sánchez e o PSOE non se sentirían cómodos. Rompeuse tamén o corsé que pesaba sobre Alemaña. Nin Europa nin Alemaña lembran agora a haken kreuz. Non é de estrañar esa falta de memoria. Nin sequera parecen recordar quen lles cortou o gas. O gas barato ruso que facía competitiva a industria alemá.

Algo estraño está pasando. Cando os Estados Unidos, que involucraron a toda Europa na guerra da Ucraína, cambian de opinión, resulta que son os propios europeos, os máis afectados, os que ameazan con escalar a guerra. Cando a dirección norteamericana da OTAN dubida, é a UE, movida por algúns estados, a que anuncia un rearme que obrigará a recortar a sanidade e as axudas sociais e, con iso, a poñer en dúbida aquilo que cimenta e dá sentido á propia unidade europea: o estado de benestar.

Vista longa, como nas novelas rusas. Nos Estados Unidos hai unha nova guerra civil, polo de agora soterrada. Alí está o epicentro volcánico. O mundo das finanzas (Demócratas neoliberais) contra os que piden o retorno da industria (Republicanos trumpistas). Wall Street conserva boa parte do seu poder en Europa. Pasemos lista: Emmanuel Macron traballou para a banca Rothschild, oficialmente, entre 2008 e 2012. Friedrich Merz, líder alemán, foi empregado do fondo de investimentos BlackRock entre 2016 e 2020. Non era un simple intermediario, senón que axudaba a tomar decisións clave, segundo unha investigación de Werner Rügemer, autor do libro BlackRock in Germany. Libros, non se entende o mundo sen libros.

O primeiro ministro británico, Keir Starmer, formou parte da Comisión Trilateral, fundada por Rockefeller. Os seus membros acostuman a deixar a Comisión antes de entrar nos gobernos. As relacións libidinosas poden auscultarse igualmente noutros ámbitos. Joseph Oughourlian, empresario francés, de orixe armenio-libanés, actual presidente de El País, é tamén un dos principais accionistas da empresa armamentística española Indra.

A Donald Trump podería recomendárselle A gran marcha, de E.L. Doctorow, sobre a Guerra de Secesión nos Estados Unidos. Unha guerra, por certo, moi cruel.