Duguin e o posmodernismo
Aleksandr Duguin é un filósofo ruso, de pensamento tradicionalista, con simpatías polo movemento MAGA norteamericano. Duguin oponse ao globalismo neoliberal e as súas posturas contrastan coas narrativas occidentais sobre a guerra de Ucraína. A súa filla, Darya Dugina, morreu en 2022 ao explotar unha bomba no seu coche, colocada presuntamente por axentes ucraínos.
As ideas de Duguin coinciden hoxe coas doutros pensadores que defenden a tradición, ben que dun modo variado e pouco concreto, formando unha corrente que involucra, neste aspecto, a grupos tanto de extrema dereita como dunha parte minoritaria da esquerda.
Neste sentido, Duguin é un crítico da modernidade e da posmodernidade, aínda que está a favor dos avances tecnolóxicos e científicos. Desde o seu punto de vista, a posmodernidade inclúe o relativismo sociolóxico, a ironía como forma de ver a teoría ilustrada, as reivindicacións de xénero e, sobre todo, un pensamento nihilista, carente de bases espirituais e de ideas universais, que destrúe o ser humano, tese esta última na que coincide, en parte, co sociólogo Emmanuel Todd, autor de A derrota de Occidente. A dureza coa que critica este pensamento nihilista é unha característica presente na maioría dos seus textos.
A pregunta que xorde, ante teóricos como Duguin, é: cales son as bases do modelo de sociedade que defenden? Poderían responder que se trata dun modelo no que a familia está no centro, no que se respectan as tradicións culturais e, no ámbito xeopolítico, os Estados civilización. Con todo, esta resposta parece demasiado inconcreta.
Buscando unha resposta máis profunda, encontramos un artigo de Duguin, do pasado 4 de agosto, titulado "Posmodernismo alternativo: un fenómeno sen nome", e no cal, despois dun repaso algo confuso á maioría das correntes de pensamento do século XX, pasa a reivindicar teorías como o estruturalismo, a psicanálise ou un "antirracismo diferencialista", pero sen as adherencias do posmodernismo que converten moitas veces a excepción en regra.
Hai unha frase significativa no texto de Duguin: "O posmodernismo eleva o relativismo ao status de valor universal e despois defende este 'logro' a través das medidas globalistas máis duras e absolutistas".
Neste breve ensaio, Duguin abandona o tradicionalismo inconcreto, que non define a que tradición debemos remontarnos e que podería ser desde a medieval até a dos serios e traxeados anos cincuenta, reflectidos na serie Mad Men, para propoñer un posmodernismo alternativo que acabe por limar os extremos e que reinterprete nalgúns casos a que se vería como unha evolución defendíbel.
No caso da polémica trans quizais abondase con dicir que estamos ante o recoñecemento dunha realidade, pero tamén que esa realidade afecta só ao un por cento das persoas (segundo o bioantropólogo Agustín Fuentes), é dicir a oitenta millóns de individuos no mundo. Tal vez, o problema do posmodernismo non radicaría entón nas súas teses, senón na exacerbación das excepcións.