Concostrina e a relixión
E scoito a Nieves Concostrina, xornalista e divulgadora de temas de historia. Di, nun medio de gran difusión, que a Biblia é moi divertida e que con ler as dúas primeiras páxinas xa te fas ateo. Esta afirmación, ao igual que outras semellantes da autora, xeran un debate nas redes, entre os que apoian a Concostrina, engadindo novas bromas, e os que defenden as ideas cristiás, seguindo a tradición. Formulada así, a polémica continúa nos termos de hai cen anos, cando tamén proliferaban os pasquíns que facían rexouba da relixión, pero sobre todo da Igrexa, e tamén, claro está, os que defendían a ortodoxia a capa e espada.
No debate que provoca Concostrina aparece, con todo, un terceiro sector que lembra, por exemplo, que bastante da arte occidental resulta incomprensíbel sen un coñecemento básico da Biblia.
Discutir sobre isto ten moita máis actualidade da que parece. Emmanuel Todd, no seu último ensaio, A caída de Occidente, sinala que os Estados Unidos e os réximes neoliberais viven hoxe no "nihilismo". Segundo el, a doutrina protestante que nutría o pensamento de Norteamérica quedou xa practicamente excluída das familias e da sociedade. Á inversa, Putin dálle á relixión un valor superior ao que realmente ten na Rusia actual. A súa idea é que a tradición actúa como unificador social, fronte ás correntes que tratan de disgregar o país.
Velaí unha dicotomía en auxe en todo o mundo: nihilismo ou volta ás relixións. Non obstante, é este un debate que non temos porque aceptar, cando menos neses termos. Podemos ler a Biblia e valorar a relixión desde a sociedade e o razoamento. Pensadores cristiáns, como Hans Küng, axúdannos a facelo. Tamén historiadoras, como Karen Armstrong, que tan ben analizou os mitos e as
relixións comparadas.
Deus é unha creación humana e a relixión unha creación social. Constitúen talvez a creación máis importante feita polo ser humano ao longo da súa historia e responden á necesidade que máis o caracteriza, a de preguntarse o por que das cousas. Dous séculos e medio de incríbeis avances científicos só nos mostran que seguimos sabendo moi pouco do universo e da nosa excepcional presenza nel. Descubrimentos como a intelixencia artificial ou o progresivo desenvolvemento da física cuántica só nos mostran, quizais, que estamos ao
principio de algo.
O mito, contado nos libros sagrados ou nas lendas dos pobos orixinarios de América ou da India, trata de ser unha resposta ás nosas preguntas, alá onde a razón non foi ou non é capaz de respondelas. A ridiculización de vellos mitos non debe ocultar que hoxe hai tamén mitos que se están transformando ou nacendo.
Cada centenar de avances científicos provoca un millón de novas preguntas. As épocas de aceleración científica provocan desasosego e cambios sociais profundos que as persoas vivimos con inquietude. A relixión ofrece consolo. É un escudo contra a angustia. Terencio, e despois Marx, escribiron que nada humano nos é alleo. E nada hai máis humano que buscar respostas.