Barea e a cultura española
Leo A forxa dun rebelde, de Arturo Barea. Hai que dar un paso atrás para entender mellor os contornos actuais. A forxa é unha novela autobiográfica (en realidade unha triloxía de case mil páxinas). Foi catalogada como a obra que mellor reflicte a primeira metade do século XX en España. As súas páxinas retratan a miseria do Madrid de hai cen anos, a salvaxe guerra colonial de África e, por último, a resistencia do pobo madrileño na guerra e contra todo prognóstico (o goberno trasladárase a Valencia temendo unha derrota inmediata). Escrita nunha prosa directa e amena, é un texto moi apto para ser lido hoxe.
Barea exiliouse primeiro en Francia e, xa definitivamente, en Inglaterra. A primeira versión completa da súa principal obra publicouse en inglés, en 1946 e nos Estados Unidos. Cinco anos máis tarde saíu en castelán na Arxentina e até 1978 non puido editarse en España.
Hai, por suposto, quen leu e aprecia a Barea, pero nunca deixou de ser un descoñecido se falamos dun público amplo. "O esquecemento da maior parte da obra de Barea débese –di Townson, un dos seus prologuistas en castelán– en certo modo ao seu status de exiliado republicano". Outros, como Muñoz Molina, apuntaron que a súa exclusión veu motivada pola ortodoxia coa que se realizou a Transición.
Con Sender e Max Aub, Barea compón quizais o trío dos mellores escritores que deu España na súa época. Os tres eran exiliados. A Sender, ademais, fusiláronlle un irmán e a primeira muller. O espazo literario interior, por aquel tempo, ocupábao, se falamos de boa narrativa, Camilo José Cela.
Non me parece atrevido pensar que a discreción coa que a nova democracia tratou os autores exiliados, sen ser eles uns radicais (Barea militou na UGT e Aub no PSOE), explica boa parte da falta de madureza da literatura e da arte españolas nacidas a partir de 1978.
Se pasamos á cinematografía e comparamos Almodóvar con Buñuel, vemos que o primeiro non pasa de ser un autor que, a pesar de certas virtudes, nunca saíu da minoría de idade.
Un pode entender o posibilismo, aínda que non o comparta, pero é máis difícil de entender o trato marxinal que sufriron certos acontecementos, sobre todo no campo da cultura e máxime cando nesa ocultación colaboraron forzas que se autodenominan de esquerda e que mesmo din reivindicar a memoria republicana.
A cultura española é unha cultura non só escorada á dereita ou, no mellor dos casos, ao centro, senón que tamén é superficial, cando non directamente frívola. Leva décadas sen formularse apenas ningún dos problemas serios do ser humano e da sociedade. A cultura seria fíxose no exilio e, desde que este rematou, moi poucas voces resultan destacábeis. Tal vez, Marsé, tal vez Saura, no cine. Non hai demasiados nomes para unha cultura que se gaba tanto da súa importancia, mesmo a nivel internacional.
Para os que, dun modo ou outro, somos tamén fillos desa cultura, aínda que nos identifiquemos máis directamente coa galega, o proceso democrático resulta frustrante.