Os anticomunistas argumentaban mellor
Para a redacción do meu libro, A parte queimada. Stalin e Robespierre, tiven a oportunidade de ler a moitos dos grandes autores críticos do comunismo. Desde o norteamericano George Kennan, quizais o principal teórico da guerra fría, ao letón, nacionalizado británico, Isaiah Berlin, pasando polo polaco e premio Nobel, Czeslaw Milosz, ou polo húngaro, tamén nacionalizado británico, Arthur Koestler, autor da máis lúcida novela que coñezo sobre o stalinismo, O cero e o infinito. Puiden ler tamén historiadores soviéticos exiliados, como os irmáns Medvedev, ou intelectuais como o checo Václav Havel.
Desde unha narrativa case sempre excelente, cada un deles contribuíu a que comprendese mellor as distintas facetas do chamado “socialismo real”. Non me identifiquei totalmente con eles, as miñas conclusións son substancialmente distintas ou camiñan por outro rumbo, pero non cabe dúbida de que puiden aprender moito.
E iso lévame a preguntar: por que hoxe non é posíbel encontrar autores dun interese semellante? Por que nesta segunda guerra fría, na que sen dúbida xa estamos metidos, a propaganda parece invadilo todo, deixando pouco espazo para a análise e o argumento?
Creo que a principal resposta procede de que o contexto é distinto. A URSS contaba con simpatías importantes, froito de ser ela fundamentalmente a que derrotou os nazis, pero a cambio sufrira enormes perdas humanas e materiais, mentres que os Estados Unidos saíron da guerra sen danos no seu territorio e cunha economía que se vería fortalecida polo seu novo papel en Europa. Foi a idade de ouro de Norteamérica que puido presentarse ante o mundo como exemplo de riqueza e creatividade. As súas universidades tiñan diñeiro para pagar os servizos de gran parte dos intelectuais e científicos que fuxiran de Hitler. Cando, en 1961, se estreou en todo Occidente a película West Side Story, na que soaba a canción, composta por Leonard Bernstein, America (cuxo retrouso era: "Quero vivir en América"), boa parte das audiencias identificáronse coa letra.
A URSS, en cambio, estaba ocupada na tarefa de reconstrución e tiña medo a un novo ataque procedente do oeste, esta vez dirixido polos seus outrora aliados (tamén hai unha interesante literatura sobre isto). A súa resposta foi defensiva e incluía un alto grado de vixilancia ideolóxica. O seu sistema non era atractivo para un Occidente máis rico e, ademais, resultaba fácil de caricaturizar.
Por suposto, hai un segundo argumento que explica o escaso rigor que mostra hoxe a socioloxía norteamericana. Tanto como o declive propio, é importante a heteroxeneidade do adversario. O retrato de China non pode ser o mesmo que o de Rusia. E aínda máis diferente resulta o de Brasil, India ou Sudáfrica, todos eles países fundadores dos Brics, con economías, cultura e crenzas distintas. O vello Occidente está a perder peso económico e comeza, por primeira vez, a sentirse illado. Nin os seus mellores publicistas poden ser insensíbeis a esta realidade.