Agora que Alemaña cae
Alemaña dá un xiro, reármase. O famoso "milagre alemán" fica lonxe. As refinerías deberán ser remodeladas para adaptarse a un petróleo de densidade distinta do ruso, as fábricas automobilísticas están a punto de parar por falta de chips, pecharon varias plantas de aceiro e a fabricación de automóbiles, en xeral, estase reducindo. Pode ser o momento de rememorar algúns datos.
A Alemaña Federal ou Occidental, nacida tras a II Guerra Mundial, tivo un parto máis complexo do que se coñece. Os altos funcionarios ministeriais e de xustiza que exerceran durante o nazismo foron retirados á forza, pero volveron oito anos despois, en 1953, coa súa antigüidade recoñecida. Altos dirixentes, como Reinhard Gehlen, xefe do servizo de intelixencia na fronte oriental, durante a guerra, foi recrutado polos norteamericanos para seguir realizando igual servizo na guerra fría, aproveitando a súa mesma rede de espías. Lembremos tamén, dentro dos numerosos exemplos que se poden escoller, que o secretario da ONU entre 1972 e 1981 e posterior presidente de Austria, Kurt Waldheim, fora oficial das SA, participante na ocupación de Iugoslavia e nazi até o momento da derrota en 1945.
O país en xeral tampouco foi, por dentro, un bo modelo a imitar, modelo sobre o que ademais se iría edificando a unidade europea. O xornalista Günter Wallraff publicou, en 1985, un libro de reportaxes titulado Cabeza de turco, do que se venderon, en poucos meses, dous millóns de exemplares. En España editaríao, dous anos despois, a editorial Anagrama. Wallraff puxo lentes escuras nos ollos, tinguiu o pelo, mudou de nome e fíxose pasar por un obreiro inmigrante de orixe turca. Traballou en McDonalds, de braceiro nunha granxa, de obreiro na construción sen papeis nin contratos, como cobaia na industria farmacéutica, investigou a postura da Igrexa e das seitas, efectuou limpezas sen protección ningunha en refinerías metalúrxicas e fixo de chofer dun traficante de escravos. Os seus libros seguen a ser o mellor documento para coñecer as entrañas da RFA.
Até 1990, a República Federal estivo ocupada por entre 200 mil e 400 mil soldados norteamericanos. As súas bases eran as máis grandes dos Estados Unidos no exterior. En parte, aínda hoxe ocorre así. A retagarda ucraína, contando a intelixencia, boa parte dos mandos da OTAN, as armas máis sofisticadas, así como as fábricas de reparación, encóntranse en Alemaña. Anotemos que esta ocupación nunca foi ben vista por gran parte dos cidadáns. Un antiamericanismo larvado existiu sempre. E ese sentimento pode volver e incluso acrecentarse. O actual primeiro ministro, Friedrich Merz, conta coa simpatía de non máis de 20% da poboación.
A creación de Alemaña como Estado é recente, data de 1871. Podería dicirse que a súa madurez como nación aínda non fraguou. Neste momento é un país ao borde do precipicio, mesmo da explosión interior, como o estivo en 1945 e, outra vez, por vontade propia. Os últimos procesos electorais mostran o seu grave estado de confusión.