Avaliar ou medir, facilitar ou instruír

Quizá a razón pola cal a enésima reforma educativa española naza fanada sexa por non ser capaz de ollar para o futuro e continuar lastrada polo pasado: presenza da relixión nos centros, renuncia á oferta pública universal ou currículos desfasados centrados nos conteudos e deseñados para apagar as identidades nacionais.

O sistema educativo segue centrado na medición, sobre todo nas materias troncais como a matemática, as ciencias ou as linguas, o que fai que os procesos de ensino-aprendizaxe fiquen modelados polos resultados que se pretenden conseguir. É o que se coñece como “ensino orientado aos exames” onde, ademais, o desempeño do profesorado se configura en función deses “resultados”, da produtividade marcada polos mercados. Quen enfoca a educación desde esa perspectiva aínda non se apercebeu de que estamos a formar a nosa xente nova para un deseño industrial propio do século XIX que xa non existe? Visto como está o panorama, e os desafíos e desequilibrios que se nos apresentan, sexan en termos poboacionais, ambientais, sanitarios, ideolóxicos ou sociais, ben mellor nos iría se as novas xeracións se formasen máis e mellor en socioloxía, filosofía ou historia, para as preparar para ese futuro que xa está aquí.

Porén, a educación continúa a estar ao servizo dos intereses produtivistas do sistema económico, e a súa privatización avanza sen se deter. Daí a súa estandarización e a ausencia da personalización e adaptación aos diferentes ritmos de cada persoa. E iso, apesar de que as empresas tecnolóxicas se empeñen en nos vender unha “aprendizaxe personalizada”, onde o profesorado se converte nunha caste de axente comercial desas mesmas empresas e, en vez de interpretar as necesidades do alumnado e axudar a construír a súa propria aprendizaxe, xestiona un produto; no canto de avaliar ese proceso de maneira formativa, ten que pór a a andar a máquina de medir con estándares uniformizadores; en vez de axudar o alumnado a contextualizar o coñecimento, convértese nun distribuídor de conteudos e probas; no canto de contribuír á reconstrución do coñecimento, ten de se centrar na instrución directa, na transmisión dese coñecimento, para despois medir os resultados, reducindo así o currículo a unha cuestión de conteúdos. E, como non, detrás desa industria da medición, que vernizan de avaliación, herdeira da dos libros de texto, hai xa un negocio multibilionairo de grandes transnacionais.