Xustiza en folga

[Xoán Costa]
A  actual mobilización de xuíces e fiscais non é unha reivindicación laboral nen persegue melloras sociais. É unha acción política e corporativa. Cando quen debe garantir o cumprimento da lei paraliza os tribunais non só infrinxe a legalidade: tamén invade o espazo do Poder Lexislativo e do Executivo, rachando a separación de poderes. A Constitución Española –artigo 127.1–  e a LOPX prohiben a folga xudicial.

No ano en que celebramos Castelao cómpre lembralo, pois para el o tema xudicial foi central. Reclamou unha xustiza feita por e para o país, convencido de que só un poder político e lexislativo galego podería garantir un sistema xurídico xusto. “Quen pode, pois, salvar a Galiza? Galiza mesma”, proclamaba, chamando a construír un modelo propio, non imposto.
A independencia xudicial non pode empregarse como cheque en branco. E, no caso galego, perde todo valor cando quen demanda respecto institucional ignora os dereitos lingüísticos da cidadanía e incumpre a Lei de normalización lingüística.

A folga é un dereito fundamental, si. Mais no ámbito xudicial, onde a continuidade e imparcialidade son esenciais, o seu exercicio presenta dilemas profundos. Se os xuíces queren mudar leis, que o fagan desde os poderes do Estado que teñen esa potestade. E se queren facer folga, desculpen a ironía, señorías, fágana á xaponesa.