Vi(ven)das tensionadas

A Xunta rexeitou a solicitude do Concello de Santiago para declarar a cidade zona de mercado residencial tensionado (ZMRT). Un trámite sen importancia, claro… só afecta millares de persoas que non atopan onde vivir ou que non poden pagar o que lles piden. Nada serio.

Non é a primeira vez que a Xunta demostra a súa habilidade para usar a burocracia como ferramenta política. Mais neste caso non está en xogo só unha disputa competencial ou un pulso institucional: estamos a falar do dereito á vivenda. Peccata minuta.

En Santiago, a turistificación engole barrios enteiros e a vivenda accesíbel aparece con tanta frecuencia como un unicornio. Declarar a cidade como zona tensionada permitiría limitar prezos e aplicar medidas. Mais a Xunta, sempre tan colaboradora, non perde ocasión de poñer pedras no camiño, amparándose en que os informes non se axustan á lei estatal. O Concello defende que si.

Se hai discrepancias, o lóxico sería sentar a falar. Mais non: mellor seguir xogando ao Monopoly con vivendas reais e alugueiros irreais. A política de vivenda debería estar por riba das siglas, pero parece que aquí manda o cálculo partidista. Se Santiago cumpre, que se declare. E se hai que mellorar os informes, que se faga. Porque a burocracia está ben para impedir cousas inúteis, non para frear o dereito a vivir con dignidade.