Un litoral sen voz

[Xoán Costa]

A chegada de xullo, coa súa calor abrasadora, acentúa o contraste dunha realidade política galega cada vez máis enfriaxada. A anunciada transferencia da xestión do litoral, presentada como un fito histórico, chega ás mans dunha administración que leva anos amosando desinterese polo mar e ignorando —cando non sendo parte activa— episodios de extrema gravidade que aínda marcan a nosa memoria ambiental.

O traspaso, efectivo desde o 1 de xullo, inclúe dotación de fondos, vehículos e postos de traballo, ademais de delegar competencias en autorizacións, concesións e vixilancia sobre o litoral. A simboloxía desta transferencia transcende o plano administrativo e entra de cheo no político: revela unha concepción do país como espazo subordinado, xestionado desde o oportunismo e non desde unha planificación conxunta.

Precisamos algo máis ca medios humanos e coches: cómpre unha proposta clara, arraigada e non sometida aos intereses das multinacionais para transformar o territorio. E, desafortunadamente, con este goberno e cunha conselleira que, nun discurso sen memoria,  descoñece —ou finxe descoñecer— os bidóns radioactivos fronte á nosa costa, pouco cabe esperar. Porque quen ignora a memoria e despreza a lingua non está preparado para gobernar un país: só para administralo ao ditado doutros.