Terra Brava, Terras Raras

[Xoán Costa]

 

Hai setenta anos, en 1955, Ánxel Fole publicou Terra Brava (Contos da solaina). Aquelas historias, ambientadas no Incio mais que poderían acontecer en calquera recuncho de Galiza, móvense entre o imaxinado e o real, entre o narrado e o reinventado. Son contos que deixan no ar un recendo de misterio ben distinto ao que deixan certos fumes industriais.

Hoxe, o Incio —como toda Galiza— volve ser noticia, mais non pola literatura. Agora, moitos destes lugares da terra brava son considerados 'terra rara'. E non por excentricidade, mais por algo moito máis químico: as chamadas terras raras, ese conxunto de elementos da táboa periódica imprescindíbeis para a tecnoloxía moderna. O seu valor, sobre todo no ámbito militar, fai que a Galiza entre nun xogo global onde as fichas son mísiles, sistemas de guiado, motores de avións de combate, dispositivos de visión nocturna e outras delicadezas bélicas.

Curiosamente, estas terras raras non son tan raras. O problema é que están demasiado espalladas, o que fai da súa extracción unha tarefa tan complexa como destrutiva. O prezo a pagar mídese en paisaxes arrasadas, acuíferos contaminados e comunidades en pé de guerra contra os colonizadores do século XXI.

Galiza é unha terra brava, no sentido de non submisa. Mais, de non o impedirmos, acabará sendo unha terra rara, moi rara.