Sandra, Manuel, a solidariedade
[Alberte Mera]
Sandra Garrido e Manu López quixeron sobrepasar o bloqueo de Israel a Palestina e poder entregar á poboación da Faixa de Gaza axuda humanitaria, medicamentos e alimentos. Partiron da Galiza a bordo da Flotilla da paz, representando todo un pobo solidario como é o galego. Na madrugada de onte os barcos en que viaxaban foron asaltados, nun acto de auténtica pirataría, polo Exército israelí en augas internacionais. Foron secuestrados polo réxime israelí. Milleiros de galegas e galegos saíron onte ás rúas para apoiar a Flotilla, reclamar a posta en liberdade de Sandra e Manu e das máis de 400 persoas da Flotilla que Israel secuestrou, para alén de exixir pór fin ao xenocidio que o sionismo está a realizar en Gaza. Unha actitude, a de solidariedade do pobo galego co palestino, que contrasta fortemente coa que mantén o Goberno de Alfonso Rueda. Onte, fontes da Xunta da Galiza consultadas por este xornal indicaban que non ían facer nada en favor da cidadá galega e do cidadán galego secuestrados por Israel. Nada. Remítense ao Goberno español, lavan as mans. Que clase de Goberno é o que así trata aos seus compatriotas que arriscaban até a propia vida para levar alimentos a un pobo que está sendo exterminado con bombas e fame? Como é posíbel en San Caetano tan enorme falta de humanidade? Que Goberno deixa tirados os seus cidadáns? Non van facer nada hoxe tampouco?