Que dirá o Santo Padre?

[Alberte Mera]

Houbo fume branco. Habemus Papam. A elección de Robert Francis Prevost, León XIV, como Papa coincídenos na Galiza cunha semana na que principiaron actos de memoria galega, os de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia deste 2025 en que se fan 50 anos do seu asasinato pola ditadura franquista. Á inauguración da exposición artística na súa memoria, da comisión organizadora das homenaxes a Moncho Reboiras e comisariada por Vanesa Iglesias, seguiu onte o acto en Vigo da asociación Memoria, Verdade e Xustiza, que reuniu o irmán de Moncho, Manuel Reboiras; Flor Baena e Victoria Sánchez-Bravo, irmás de José Humberto e José Luis, asasinados con pouco máis de 20 anos pola ditadura. Como cantaban Quilapayun e Violeta Parra, preguntámonos hoxe “Que dirá o Santo Padre, que dirá en Roma”, aquela canción pola abolición da pena da morte. Daquel papa, Pío XI, valedor do fascismo de Mussolini, chega o fume branco en plena conmemoración dos 80 anos da derrota do nazi-fascismo en Europa —aínda que non en toda, a península Ibérica mantívose coa complicidade dos Estados Unidos baixo o réxime de terror—. Nestes tempos de auxe da ultradereita, esperemos que o Santo Padre teña valor, como en moitos aspectos tivo o seu predecesor Francisco, e se poña do lado dos pobos que sofren como o de Palestina, das persoas sen recursos, das migrantes, e denuncie a como lle demandaban na canción coa que principian estas liñas.