O Panteón, un símbolo tutelado

 [Xoán Costa]

 

Comezou o desenvolvemento da lei 5/2023 do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, denominación que substitúe a utilizada desde 1886 cando Bernardo Barreiro propón a fundación dun Panteón de Galegos Ilustres, denominación que combina coa de Panteón Galego, e propón como espazo físico para a súa situación, por orde de preferencia, a capela de Fonseca ou a igrexa da Angustia, deixando Bonaval, onde finalmente se situou, para Museo. Tamén propón Barreiro cinco nomes para inaugurar o Panteón Galego, figurando entre eles  Rosalía e Fontán, ambos hoxe alí presentes, desde 1891 ela, a primeira,  e desde 1988 el, o derradeiro (e non desde 1968, como erradamente se di na Exposición de motivos da Lei, que sitúa Castelao, 1984, como o derradeiro). Desde 1908, ano da morte de Curros e en clara referencia a el, o debate público céntrase na idea de que non todos os galegos eminentes foron e son crentes, polo que de seren enterrados en recinto relixioso “sufrirían unha violación dos ideais que sustentaron en vida”. A lei que agora comeza a desenvolverse ignorou ese debate e non haberá titularidade pública de Bonaval, só cesión de usos. De aí que pensemos: e se cando o Parlamento corrixa a Exposición de motivos aproveita para adecuar a Lei a esa demanda histórica? Se non o fixer, o Panteón será un símbolo -dío a Lei-, mais un símbolo tutelado.