One Force. Moisés a bordo

[Xoán Costa]
Trump é o novo Moisés. Non falo daquel neno abandonado nunha cesta sobre o Nilo, senón do libertador que aterra no One Force; non do que recebe as Táboas da Lei, senón do que hoxe as entrega gravadas con aranceis. A súa visita a Sharm el Sheikh é liturxia de poder: alí cada xesto foi parábola e, en cada palabra, vimos o dedo imitador do Deus criador. Nesa cidade de luxo, onde se pode atopar todo canto un turista poida desexar, o templo é de cristal e formigón; o incenso, o das cámaras de TV.

Como no libro dos Salmos, Trump fala de paz, e “cando lles falo de paz, excítanse para a guerra” (Salmo 120). Sorrí. O seu milagre é converter a tregua en negocio, a promesa en ameaza. Os líderes que o rodean, apóstolos ben vestidos, asenten. Di que trae unión ás fronteiras e, mentres o di, medran muros invisíbeis. “Puxo en paz as túas fronteiras” (Salmo 147), proclama, e a frase convértese en consigna. A paz, ofrecida como don, é agora tributo; os contratos que van chegar, pragas impostas por decreto.

O que vimos en Sharm el Sheikh é a escenografía do poder, mestura de solemnidade e farsa. O mundo enteiro, convertido en público cativo, asiste á súa representación apocalíptica. A política como liturxia do ego. O Mar Vermello non se abriu; mais abofé que ondulou ao compás “do seu dedo, adestrado para a guerra” (Salmo 144).