O gran xestor

[María Obelleiro]

Levamos anos desde estas páxinas desmontando a figura de “gran xestor” de Alberto Núñez Feixoo creada polos medios de comunicación afíns ao PP seguindo as directrices do seu Gabinete de Comunicación. Non por moitas veces repetido deixa de ser un escándalo o acontecido co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Como fixo García Márquez con Santiago Nasar ao inicio de Crónica de una muerte anunciada, advertiuse do desastre de xestión económica cando se coñeceron os pormenores da privatización do centro hospitalario, baixo o eufemismo de modelo de colaboración público-privada.

Agora é o Consello de Contas quen ispe o mal facer de Feixoo ao cifrar en 470 millóns o diñeiro público que desperdiciou no hospital ao apostar por un canon a 20 anos e por un pagamento aprazado -hipotecando as arcas galegas- ás empresas concesionarias, por certo, con sede fóra da Galiza. Mais non só advirte o ente fiscalizador do sobrecusto que supuxo o hospital a respecto do planificado anteriormente polo Goberno de PSOE e BNG, senón tamén da falta da “debilidade” no seguimento na fase de contratación e de execución da obra por parte da Xunta da Galiza e da redución do tamaño do hospital e do número de camas, sen unha diminución do custo, a respecto do contratado.