Nós coma eles

[Xoán Costa]
Convén lembrar o esencial: a oficialidade do galego na UE non é unha concesión nen unha táctica de supervivencia. É unha cuestión de dereitos que, como cidadás e cidadáns dun Estado membro, nos corresponden e aos que, como galegas e galegos, non renunciamos. Por iso é grave que o presidente da Xunta reduza esta reivindicación a un suposto “xesto de Sánchez para darlle vida a Puigdemont”. Ao falar así, deslexitima décadas de traballo institucional e cidadán e actúa como se se estiver a negociar a PAC ou a cota pesqueira, como se o galego for un accesorio político e non a expresión dunha identidade colectiva. Como pode un presidente da Galiza cuestionar a oportunidade de avanzar na oficialidade do galego a nivel europeo? Como pode situarse do lado de quen, dentro ou fóra das nosas fronteiras, bloquea esa posibilidade en lugar de liderar firmemente unha fronte común a prol da nosa lingua?

O que está en xogo non é unha estratexia do Goberno en Madrid; é a cohesión dunha sociedade que leva anos exixindo respecto polos seus dereitos. A Comisión Europea estima que o custo anual sería de 132 millóns de euros. É iso moito? É pouco? Canto valen os nosos dereitos, Sr. Rueda? O gaélico é idioma oficial da UE. Non esquezamos o que dixo Alfredo Brañas no poema titulado Nós coma eles: Érguete e anda! Coma en Irlanda, coma en Irlanda!