O lixo no ollo dos outros
[Xoán Costa]
O presidente Rueda di que custa entender que ningún ministro reciba os representantes de Altri. Mais o que realmente custa entender é que el mesmo non reciba a quen si defende este país. Nen un minuto para escoitar a Plataforma Ulloa Viva, que loita contra a macrocelulosa. Nen unha reunión coa veciñanza mobilizada contra a mina de Touro. Para eles, portas pechadas. Para Altri, portas abertas. Mais tarde, portas xiratorias.
E por se isto non for suficiente, Rueda non só ignora as protestas, senón que tamén as demoniza. Réstalles lexitimidade dicindo que son “os de sempre”. Como se defender a terra fose unha manía duns poucos e non unha necesidade urxente para todos.
Cando se trata de grandes empresas con falsas promesas de investimento —e impacto ambiental asegurado—, hai axenda, hai declaracións, hai interese. Cando se trata da cidadanía organizada e crítica, silencio absoluto. A súa preocupación polo "desenvolvemento" parece limitarse a grandes proxectos de interese privado.
Rueda ve o lixo no ollo dos outros, mais ignora a trabe no seu. Demanda atención para Altri, mais négaa a quen vive, traballa e coida esta terra.
Unha vez máis, a Xunta actúa como delegación comercial do capital, non como goberno dun país. O problema non é que Madrid non reciba a Altri: o problema é que Galiza non é escoitada polo seu propio presidente.