Galiza, batería do Estado

[Xoán Costa]

Galiza vive unha contradición insostíbel: somos excedentarios na produción eléctrica, mais deficitarios nos servizos dela derivados. O recente apagamento, que deixou milleiros de fogares ás escuras, non foi unha anécdota: é a confirmación dun modelo colonial que nos trata como unha simple batería, o particular kit de supervivencia enerxética do Estado. Exportamos enerxía e soportamos tarifas abusivas e impactos ambientais con ríos represados, montes inzados de aeroxeradores e paisaxes cruzadas por liñas de alta tensión xestionadas por unha empresa privada. E nada diso repercute positivamente na cidadanía ao carecermos dunha tarifa propia que palie o impacto ambiental e compense o sacrificio territorial.

E Rueda? Pois á imitación de Pilatos, actuou como prefecto da provincia da Gallaecia, xusto cando aínda —no outrora cuartel do Hórreo, arestora Parlamento da Galiza— ecoaban as promesas que nunca van ser cumpridas e os discursos triunfalistas do debate sobre o estado da Nación. Limitouse a solicitar o nivel 3 de alarma e acender unha vela a san Alberto, patrón de Xénova. Nunha palabra: o único que fixo foi lavar as mans.

PS: Galiza non precisa un presidente que acenda velas a ningún santo, senón un goberno que deseñe e practique políticas útiles ao país e lidere con dignidade os momentos de dificultade.