Do Faro á Madanela
O PP, tan dado a romarías e poses piadosas, hai xa tempo que cambiou a Nosa Señora do Faro pola hoxe ben cimentada carballeira da Madanela. A ese espazo tan xeitoso para gozar do polbo e da boa carne acudíu o ano pasado a mesma Ursula Von der Leyen, a venerada sacerdotisa da Unión Europea que coa man dereita abenzoa o sector armamentístico e coa esquerda asina cheques sen fondos para unha Gaza devastada.
O PP, mentres desfruta da Madalena, segue a hipotecar o futuro da Galiza. Abenzoa Altri e os macroparques eólicos que esquilman os nosos montes sen miramentos; fai da terra un altar para as multinacionais, ofrecéndoa en sacrificio no seu evanxello do ‘progreso’—un progreso que converte os ecosistemas e as comunidades que os habitan en simples mercadotecnia. Entre os pactos coas multinacionais bélicas e o desleixo polos dereitos humanos, o PP oficia a súa propia liturxia, onde o complexo militar-industrial ocupa o altar e os intereses xeopolíticos ditan os dogmas. Tan devotos das romarías como desatentos ás inxustizas, ven pecado en Magdala, mais santifican Masada. Defenden a terra no papel mais escavana en Touro-O Pino, ben perto da carballeira da Madanela.
Defenden a Galiza como patria espiritual, mais venden as nosas fragas e ríos ao mellor postor, sen escrúpulos. E renegan da nosa lingua e cultura.