Dezanove días

[Xoán Costa]

A despedida de Sabina, en coincidencia coa sentenza do Supremo contra o Fiscal Xeral do Estado, oferece unha metáfora tan irónica como sintomática. O TS converteu os seus 19 días e 500 noites en 19 días e 233 folios. A canción fala de excesos, derrotas e verdades incómodas; a resolución igual. E, como en Lo niego todo, a narración xudicial constrúese máis arredor da omnisciencia previa ca do testemuño, nun xogo onde a dúbida fai sombra á proba.

A sentenza artella unha liña argumental que busca coherencia mesmo cando os feitos non acompañan, e, se este criterio acaba por se converter en doutrina, seremos nós quen teñamos que demostrar a nosa inocencia, nun escenario que lembra aquelas “mentiras piadosas” sabinianas: verdades oficiais aceitadas porque convén aceitalas.

O poder afina o guión —ou, se cadra, afía o aguillón–. Mais unha sociedade que se acostuma ás "malas compañías" da sospeita e da verdade imposta corre o risco de converter a xustiza en personaxe dun espectáculo onde manda o relato e se oculta a proba. E aí ficaremos, impotentes, á intemperie, escoitando unha canción que sabemos de memoria. Mentres o relato se impón á proba e as regras se torcen, todos nos volvemos, de algún xeito, eses "ciudadano cero", cada vez máis vulnerábeis perante un poder do Estado, a Xustiza que, como dixo Castelao, "canto pesa e como fede".