Azul e branca
En abril de 1822, os días 26 e 27, rendeuse por vez primeira homenaxe á bandeira da Galiza: unha bandeira branca con cenefa azul. Era a bandeira do Batallón Literario, recoñecida en homenaxe pública na praza da Quintana como bandeira de todos os galegos, pois galegos eran todos os estudantes mortos.
A estética da bandeira consolídase durante o século XIX, mais foi no século XX cando se converteu en emblema colectivo e adquiriu significado político. A súa adopción formal é o resultado dun proceso de apropiación cidadá. Xestos como o das mulleres de Sada, que, tendo coñecemento de que as Irmandades da Fala da Coruña estaban “facendo colleita” para adquirir unha bandeira, enviaron cincuenta pesetas para axudar a mercar “ese pano azul e branco”, símbolo dunha terra que, “escentilada por un sol de gloria”, querían libre e orgullosamente enxebre.
Cincuenta pesetas. Un pano azul e branco. Un sol de gloria. Así soñaron Galiza.
Neste 15 de novembro, ao izarmos a bandeira por toda a Galiza, lembramos que os símbolos son ferramentas de identidade. Crialos e mantelos é afirmar quen somos e quen queremos ser.
Que o sol de gloria que inspirou os soños de homes e mulleres galegos se convirta na alba de gloria que Castelao anunciou, e continúe a alumear o noso camiño, para que siga ondeando, azul e branca, a bandeira dunha Nación libre.