Un atraso inxustificábel

[Alberte Mera]
Na Galiza faleceron estando en lista de espera para recibir a prestación por dependencia 6.571 persoas nos últimos oito anos (2017-2024). 841 delas tiñan o seu expediente pendente de resolución de grao e 5.730 estaban pendentes do recoñecemento dalgunha prestación ou servizo do sistema. Son datos oficiais difundidos pola Asociación de directores e xerentes de servizos sociais. Onte coñecemos novas cifras desta traxedia: son 349 días de media os que pasan desde que se solicita a prestación até que se resolve, por riba dos 342 que se rexistraban en xuño. Son datos do Ministerio de Dereitos Sociais. Esta radiografía queda sen resposta da Xunta da Galiza. Que opina a conselleira de Política Social sobre a xestión do Goberno galego que deixa o país nos maiores postos do Estado en tardanza nos tempos de valoración e de tramitación das prestacións? Que opina sobre as 1.133 galegas e galegos que levan máis de seis meses, sen ter recibido un motivo de exclusión, agardando por coñecer a resolución do grao de dependencia ou do seu plan individual de atención? As presentes cifras deixan unha complicada situación para as familias, que teñen que custear cos seus recursos a atencións destas persoas, coidados que na maioría dos casos recaen sobre as mulleres, implicando moitas veces que abandonen o seu traballo ou soliciten unha excedencia con posíbeis repercusión económicas na xubilación.