Apelidos Galegos
[Xoán Costa]
Se a recuperación da nosa memoria no ámbito político e social é unha obriga, no da onomástica é unha emerxencia. Se ben no campo da toponimia se avanzou visibelmente —aínda que persistan algúns irredutíbeis baixo o amparo do foro de La Toja— non ocorreu o mesmo no ámbito dos nomes persoais ou familiares, resultando que nomes como Martín e Martina son os predominantes nesta década, e unha grande porcentaxe de apelidos non só non están restituídos senón que permanecen deturpados. Nestes días, a RAG presentou a nova Guía de apelidos galegos, unha ferramenta en liña que oferece información quer sobre as formas estándar dos apelidos quer das súas variantes non estándar, co obxectivo de facilitar o coñecemento e a restitución das formas correctas. Saudamos a iniciativa mais sabemos ben que a Filoloxía por si non é suficiente. Moitas persoas, mesmo as máis conscientes da importancia de recuperar as nosas formas orixinarias, resístense a facelo por respecto, din, aos seus antepasados, mesmamente aqueles e aquelas que sufriron en primeira persoa a "cirurxía onomástica". Entendemos esa reacción. Por iso son necesarios espellos en que se ollar, a comezar pola RAG e a seguir polos representantes públicos en todas as administracións. Rectificar o pasado non é aldraxar o presente, é honralo ao recuperar unha parte esencial de nós.