Altri, fin da ficción

[Xoán Costa]

A decisión da Xunta de arquivar o proxecto de Altri certifica o fracaso dunha aposta presentada como estratéxica mais construída sen planificación nen consenso. A macroplanta cae, di a conselleira, pola falta de conexión eléctrica, mais a súa inviabilidade era evidente desde hai tempo: dependía de fondos públicos que non chegaron, quedou fóra dos Perte e non encaixaba na planificación estatal. A Xunta sabía isto desde 2024, cando a subestación necesaria foi excluída da rede prevista, mais mantivo o relato dun proxecto que xa non tiña futuro.
Mentres o Goberno galego buscaba culpables externos, a sociedade civil fixo o traballo que a Administración non fixo: analizar, mobilizarse e defender o territorio. As manifestacións multitudinarias e o traballo das plataformas demostraron que a Galiza non aceptaba unha industria imposta e de alto impacto ambiental. Esa presión non figura nos informes, mais foi decisiva para o proxecto se tornar insostíbel.

O arquivo deixa unha lección clara: Galiza non precisa macroproxectos opacos nen dependentes de subvencións, senón unha planificación seria e un modelo produtivo que respecte a auga e o territorio. A caída de Altri é unha oportunidade para apostar por un desenvolvemento sostíbel e propio. O que se arquiva non é só un expediente; é unha maneira de gobernar que xa non serve ao país.