Allos non son bugallos

[Xoán Costa]

A Xunta da Galiza insiste en rexeitar a quitación de 4.000 millóns de euros de débeda, mentres os datos oficiais revelan que o pasivo galego alcanzou os 12.000 millóns en 2024. Poderíase pensar que, como di o verso do trobador Soares Sarraça, "o que perdeu nos alhos quer cobrar nas cebolas", mais non parece esa a filosofía do Goberno galego, que encarna na figura do conselleiro de Facenda unha incoherencia evidente: fala de "asimetrías" mentres a realidade reflicte unha xestión errática, na que se mesturan retórica maximalista e incapacidade para frear o sangrado financeiro. Ademais, a escusa da "sustentabilidade" esfarela ante a evidencia: renúnciase a unha redución histórica sen ofrecer alternativas críbeis nin melloras perceptíbeis nos servizos públicos.

A estratexia do Goberno Rueda semella máis ben a de confundir allos con bugallos, e o custo desta teima cae sobre a cidadanía. A quitación non é unha esmola; é unha ferramenta compatíbel coa necesidade de repensar o sistema de financiamento autonómico. Cada euro de débeda evitábel é un euro que se resta a hospitais, estradas ou escolas. Manter esta postura por cálculo partidista, sen rectificar para poñer o país por diante das siglas, non é só un erro ou un capricho ideolóxico pagado con cartos públicos: é unha deshonestidade que abeira a luxuria política.