Abordan a humanidade
[Alberte Mera]
Nun dos barcos da Flotilla que levaba axuda humanitaria á Faixa de Gaza viaxaba a galega Sandra Garrido, e ao feche da edición deste xornal a embarcación xa fora abordada polo Exército israelí ao aproximarse a Palestina. O Goberno sionista segue adiante co seu plan de xenocidio na Faixa de Gaza, nin medicamentos nin alimentos poden entrar para así aniquilar a poboación e estender os seus dominios sen que quede ninguén que alce a voz, aínda que sexa dunha crianza. Tras anos de xenocidio continuado na Faixa de Gaza e co Goberno da rexión case aniquilado, o presidente dos Estados Unidos de América impón o seu plan de paz e dá horas para aceptalo ou "vía libre" a Israel para seguir matando palestinas e palestinos. E o seu plan é quedar coa Faixa para o seu beneficio e quen sabe, regalarllo a Netanyahu.
O sionismo, como ideoloxía de odio, emprendeu a destrución do próximo e todo tipo de expresión humanitaria. A invasión militar de Cidade de Gaza obrigou onte ao Comité Internacional da Cruz Vermella a suspender transitoriamente as actividades na súa oficina na zona para preservar a vida dos seus membros. Horas despois, presenciamos a abordaxe dos barcos que transportaban axuda humanitaria. Milleiros de persoas morren de fame. Como paralo? Como vencer o odio? A solidariedade é fundamental, tamén a presión internacional total.