​Saúde e estatística

[Xoán Costa]
Na xestión pública, a transparencia debe ser principio. Por iso, a negativa da Xunta a compartir cos organismos estatais os datos do cribado de cancro de mama revela máis ben unha concepción restritiva da rendición de contas e unha estratexia de opacidade institucional do que unha cuestión técnica. Por que, entón, se bloquea a información dun programa que debería ser exemplo de transparencia se cada día,  para garantir a continuidade asistencial, se transfiren entre hospitais millares de informes clínicos e probas diagnósticas?

Esa interoperabilidade é esencial nun sistema público que aspira a ser universal, mais a Xunta alíñase agora coa estratexia do PP e Rueda xustifica a negativa alegando que os datos xa son públicos. Mais esta explicación non resolve a cuestión de fondo: quen controla a narrativa da saúde? Quen decide que datos se publican sobre os nosos corpos? A saúde pública non pode ser tratada como estatística nen como campo de batalla ideolóxico; está en xogo a confianza institucional, a saúde e a dignidade das persoas.

Se cadra, o medo a compartir non é técnico, senón político, e ten que ver co desmantelamento progresivo do sector público. O aumento dos concertos coa sanidade privada alerta dunha deriva preocupante. Canto máis se exteriorizan servizos, máis se dilúe a rendición de contas.