Volver trabucarse
A dicir de Ilan Pappé, as orixes da ideoloxía sionista atópanse nunha serie de teólogos evanxélicos que expresaron por primeira vez a idea de que os xudeus europeos debían "regresar" a Palestina. Isto encaixou coa vontade do Imperio Británico de "resolver" o problema xudeu europeo e de manter o control sobre o vello Imperio Otomán en descomposición, asociando Terra Santa a Europa. Varios intelectuais xudeus acolleron estas teorías e posibilidades e enxergaron nelas unha solución ao antisemitismo. A esta primeira coalición, de xénese protestante, hai que sumar a influencia da corrente romántica alemá que impregnou o pensamento de Theodor Herzl, quen argallou a idea da nación de Israel despois de ser rexeitado nos círculos do nacionalismo alemán. Así, grandes correntes intelectuais do norte de Europa, o evanxelismo e o nacionalismo romántico, ambos os dous alleos á tradición xudaica, deron corpo ao mesianismo colonialista que, hoxe, ten carta branca para perpetrar un xenocidio diante dos nosos ollos.
Segundo o novelista grego Theodor Kallifatides, ser comunista durante a Segunda Guerra Mundial era peor que ser xudeu. Dicía Kallifatides en Campesiños e servos (1973) que "aos xudeus só os perseguían os alemáns, mentres que aos comunistas perseguíaos todo o mundo". A Europa post-holocausto fixou no xudeu o epítome da vítima do Totalitarismo. Os comunistas non só deixaron de figurar como os grandes mártires (e heroes) da Segunda Guerra Mundial, senón que, a causa do stalinismo, comezaron a ser incluídos no mundo totalitario que as democracias liberais pretendían cauterizar. A caracterización do xudeu como vítima absoluta actúa coma un veo que impide cuestionar calquera exceso feito en nome do pobo hebreo. O Reino Unido, responsable primeiro da desfeita, está, coa posición de Keir Starmer, onde sempre estivo. Mais a rotunda negativa de Alemaña a contemplar a expulsión de Israel de Eurovisión dá a medida da traxedia. Un simple concurso de cancións actúa como o campo de batalla simbólico para renovar a idea británica da asociación de Palestina con Europa por intermediación xudea. A República Federal Alemá deglutiu a memoria antifascista da RDA, e por iso non mostrou grandes complexos coa Grecia quebrada de 2010, malia o antecedente da brutal ocupación nazi e da loita partisana que describe Kallifatides; porén, a RFA, atoada no complexo de culpa polo que os alemáns fixeron aos xudeus nos anos trinta, ten todos os boletos para volver trabucarse como daquela.