Tambores de farsa
Ernst Jünger é un deses intelectuais que viviron a cabalo dos séculos XIX e XX e que fixeron da fascinación pola guerra unha saída ao que moitos daquela vían como a molicie do parlamentarismo. A chamada á acción, entendida como rexeneración vital, levou a toda unha xeración ao inferno voluntario das trincheiras. A novela Tempestades de aceiro (1920), coa súa prosa minuciosa até o notarial, onde o sentimento apenas aparece como orgullo polo labor ben feito e como servizo á patria, fica como documento de época.
Nun documental sobre a actriz, fotógrafa e cineasta Leni Riefenstahl, un actor que a acompañou en varias películas do Bergfilm –cinema de montaña, xénero popular na Alemaña dos anos 20 e 30– lembraba que a mocidade da altura fora criada nunha moral da supervivencia do máis apto. "Eramos soldados sen bandeira", di, e Hitler limitouse a fornecérllela. O desastre posterior condicionaría o proxecto de integración europea coa renuncia a calquera idea de exército propio.
Porén, esa condición non impediu que Alemaña, nos anos noventa e comezos de 2000, dese pasos graduais (ben que guiados polo Imperio) cara á intervención exterior: primeiro en Iugoslavia, despois en Afganistán. Aventuras que para voces como a de Oskar Lafontaine constituían o risco de repetir vellas sendas.
Hoxe, unha Unión Europea en estado zombi promove dúas liñas estratéxicas de signo militar: aumentar a achega dos orzamentos estatais á OTAN e reconverter cara á produción de armamento unha industria superada pola competencia chinesa e polo autoboicot no uso da enerxía barata rusa. A combinación da submisión aos EUA coa ilusión de se tornar fabricante global –capacidade que moitos analistas poñen en dúbida– precisa dun clima emocional favorable, algo equivalente ao vitalismo do s. XIX ou ao nacionalismo chauvinista de 1914.
A guerra de Ucraína, cuxo final semella próximo (os telexornais xa preparan o terreo falando da corrupción da contorna de Volodímir Zelenski), funcionou como coartada para estender ese estado de opinión. Emmanuel Macron, sempre amigo da grandilocuencia malia presidir un Estado cunha profunda crise política, deu conta da farsa ao anunciar a implantación dun servizo militar voluntario e remunerado. Ata que punto prenderán estes novos ideoloxemas belicistas nun Estado español que tivo, no movemento anti-mili, un dos maiores mobilizadores contestatarios da xuventude dos 80 e 90?