Saír de 'X'

El País pretendeu elevalo a campión do (inexistente) liberalismo español, pero Ortega y Gasset era un elitista, un excepcionalista farto da "palabrería" parlamentaria, que acabaría saudando o fascismo. En 1927, no contexto do auxe da política de masas, Ortega, que non aturaba a entrada dos bolxeviques na historia, escribiu A rebelión das masas. No presente, a alerxia ao populacho regresa. O extremo centro está afectadamente sorprendido co irracionalismo dos iletrados, como se o modelado social dos últimos 40 anos non tivese nada que ver con el.

X é unha esterqueira. Si. E o algoritmo está nesgado (cal non?). Pero a imaxe que deita da sociedade non é froito do breve tempo transcorrido desde que Musk mercou o paxariño azul. El é o rei taumaturgo que abre a espita do inferno... porque este xa estaba aí. A reacción liberal a esta apertura, engalanada coas maiúsculas da Pluralidade, a Veracidade e a Información, agocha unha realidade máis crúa para esas clases intelectuais: a perda da súa posición mediadora entre o capital e as masas. A entrada directa da oligarquía a interactuar coa xentalla (superricos crecidos na estratosférica polarización económica neoliberal), periclita os servizos dos peneiradores. O xefe da horda prescinde dos sarxentos de campo e estes revólvense con purpurina retórica.

Pouco significará, en termos reais, o abandono de X por parte dalgúns medios, salvo polo que ten de branqueamento da súa praxe xornalística. Algo que calquera crecido no mundo pre-Internet coñece. Mais interesante é o debate sobre a natureza das redes sociais e o mundo 24/7. Se estamos nun refluxo da expansión da conectividade debido á Enshitification (enmerdamento) da Internet, benvido sexa. A autonomía política pasa por aí. Pero aforremos a nostalxia por un pasado iluminado pola deontoloxía xornalística liberal. Os ceos azuis sempre estiveron inzados de nubes negras.

Nos anos 90, Christopher Lasch escribiu unha sorte de anti-Ortega: A rebelión das elites e a traición á democracia. Texto profético que xa puña no seu sitio aos liberals. Tras a vitoria de Trump, David Brooks, opinante do NYT, recoñecía en O que os votantes dos EU lle están dicindo ás elites, o papel da progresía na xestación do presente e reclamaba, con patetismo, que alguén fixese políticas redistributivas para os que aínda traballan coas mans. Quen se vai encargar diso cando non hai movemento comunista internacional e o socioliberalismo é parte do problema? Esa é a cuestión.