Rexeneración vintage

M Rajoy reaparece en La Voz de Galicia coa tranquilidade do que sabe que o tempo cura todo a base de embozar a memoria. Nun diálogo pautado con Barreiro Rivas –figura que tampouco pode presumir dunha biografía allea aos episodios escuros da corrupción–, Rajoy asume o papel de oráculo da mesura, mentres sinala co dedo a suposta descomposición institucional provocada polo PSOE. A escena ten algo de traxicomedia: dous individuos con máis pasado que as latrinas de Pompeia disertan con desenvoltura sobre rexeneración democrática e common sense. Algo así como se Nixon e Berlusconi intercambiasen epístolas sobre ética kantiana.

Rajoy carga contra o "Goberno Frankenstein", ese espantallo retórico que a dereita española invoca para expresar o mal que atura o sistema parlamentario desde que o bipartidismo deixou de ter todo atado. Mais convén lembrar que o subtítulo da novela de Mary Shelley é "ou o moderno Prometeo". Frankenstein –ou mellor dito, a súa criatura– non é símbolo do caos, senón da ousadía de desafiar as estruturas establecidas. Como metáfora política, podería interpretarse como a alianza entre forzas diversas que, aínda sen compartir tradición ou linguaxe, fraguan alianzas, máis por necesidade que por convicción, para evitar seren engulidas polos lameiros dun sistema esgotado. A dereita interpreta esta pluralidade como epítome do monstruoso, pero foi o rebelde Prometeo quen entregou o lume aos humanos para que estes puidesen quentarse e cociñar.

A entrevista tamén cumpre o obxectivo de matizar a perigosidade de Vox. A diferenza da AfD alemá, dinos Rajoy, a ultradereita española acepta a Constitución (se cadra porque a constitución alemá é froito da derrota nazi na segunda guerra mundial e a española da vitoria do 18 de xullo). Non menciona, porén, que Vox propón ilegalizar partidos, reverter dereitos conquistados por mulleres e minorías e desmantelar o Estado autonómico. Que este Rajoy con traxe de socio de club liberal inglés envolva Vox con celofán deixa unha mensaxe clara: o PP alberga pouca fe en poder gobernar en solitario ao tempo que, abracadabra!, pensa que será quen de concitar arredor súa unha hipotética maioría na que Junts, PNV e os de Abascal compartan leito.

A entrevista é un espello valleinclanesco de dous persoeiros que encarnan, en última instancia, os modos dun réxime político incapaz de rexenerarse, entre outras cousas, por unha falta orixinal: fundarse sobre un pozo demasiado fondo de cinismo, amnesia e chulería.