O tempo bisagra
Andrea Segre, en La grande ambizione (2024), reconstrúe a figura de Enrico Berlinguer, líder comunista italiano. Robert Guédiguian fixera algo semellante en Le Promeneur du champ de Mars (2005), na que se achegaba ao Mitterrand vello, xa enfermo pero consciente de ser o derradeiro presidente francés con capacidade para propoñer unha política autónoma. Estes dous filmes non son só retratos biográficos: funcionan como crónica dun tempo no que Europa aínda podía formular estratexias económicas propias e manter unha voz non subordinada aos Estados Unidos. Berlinguer e Mitterrand foron, cada un no seu contexto, elos perdidos dun proxecto que se esgotaba. O primeiro tentou que o comunismo italiano atopase un camiño propio, o segundo chegou ao poder cun programa de ruptura socialdemócrata que incluía nacionalizacións e ampliación dos dereitos sociais. Ambos descubriron axiña que o marco da democracia liberal non permitía avanzar moito máis: os límites impostos pola correlación de forzas internas, polas presións internacionais e polos mercados acabaron reducindo as súas ambicións.
O aviso xa chegara dende fóra de Europa: en Chile, o proxecto de Allende abortouse con violencia en 1973. Patricio Guzmán documentou aquel proceso en La batalla de Chile (1975-1979), deixando claro que, tamén no primeiro mundo, as alternativas serían toleradas só mentres non cuestionasen os fundamentos do capitalismo global.
Os anos setenta e comezos dos oitenta convertéronse así nun tempo bisagra. Por unha banda, a clase traballadora, fortalecida tras o ciclo keynesiano, reclamaba máis participación e melloras. Pola outra, as novas xeracións cuestionaban tanto o capitalismo occidental como o autoritarismo do Socialismo Real. Experimentos como a Primavera de Praga en Checoslovaquia ou as propostas italianas e francesas tentaban articular a posibilidade dun socialismo con liberdades individuais, mais todo esvaeceu.
A caída do bloque soviético puxo punto final a toda posibilidade de escape da gran subsunción do mundo na lóxica do capital. O campo quedou despexado para unhas ideas neoliberais que agardaban nas catacumbas desde a posguerra e que se converteron en hexemónicas. O que ven despois é o noso presente: o tempo posterior ao neoliberalismo. E nel, unha Europa descolocada e medorenta, que só albisca o xeito de conservar o que queda do Estado de benestar a través do nativismo e da súa transformación nun grande xeriátrico amurallado.