No tellado do PSOE

Como tantas veces na historia recente de Galiza, unha loita en defensa do territorio e contra un modelo económico extractivista está a centrar as enerxías mobilizadoras dos sectores máis conscientes. A onda que berra "Altri Non" xa rebasou o limiar das comarcas directamente afectadas para bater en lugares tan diversos como as bancadas dos estadios de fútbol ou os concertos de música das grandes cidades. Nesa pasaxe de berro defensivo a arela de política xeral, é dicir, de modelo de país, é como se constrúe a hexemonía. Un tanto a contabilizar en favor da mobilización incesante da sociedade (con cero axuda, cando non oposición, do vergoñento sistema mediático galego). Mais nese proceso de construción de hexemonía hai outro aspecto que atinxe á política puramente partidaria.

A mobilización social, e o papel do BNG como ponte entre esta e a instancia política e principal interesado en visibilizar unha alternativa ao PPdeG, está conseguindo instalar un sentido común sine qua non para quen pretenda formar parte desa alternativa. Este outro proceso de hexemonía é o que está forzando ao PSdeG a ir abandonando, de momento timidamente, a súa ambigüidade a respecto da pasteira. A presenza de Besteiro na manifestación da Pobra así o corrobora. No que respecta á estratexia do PP, esta semella clara: pisar o acelerador con canto permiso ambiental sexa necesario. Altri é unha bica demasiado gorentosa para que a nosa lumpen burguesía deixe pasar a ocasión. Mais, en caso de que o proxecto fracase en calquera dos trámites non depedentes da Xunta, a de Altri será, para o PPdeG, a ocasión de revivir a súa murcha imaxe de partido galego facendo oposición ao goberno central.

Este camiño ten, para o madrileñizado PPdeG de Rueda, as súas propias contradicións: o recurso a lemas ayusistas (comunismo vs liberdade), é dicir, a ideoloxización do conflito, afástao da posición "apolítica" de partido-país, ao tempo que obrigaría ao PSOE a confrontar con máis contundencia. En calquera caso, con Altri o PSdeG enfróntase a un drama xa moitas veces repetido: os de Besteiro deberán escoller entre exercer como partido galego, forzando a que o PSOE estatal faga súa a oposición a Altri e poña toda a carne no asador naqueles trámites administrativos que dependen do Goberno central e da UE, ou pregarse, para xúbilo de José Blanco, ao acordo tácito que sempre rexeu entre os socialistas segundo o cal Galiza era terra da dereita na que non cumpría inmiscirse demasiado.