Fin de ciclo e frustración

No sorriso de Felipe González adiviñábase demasiado goce para quen quere proxectar unha imaxe senatorial e emérita. "O meu candidato era Madina", repetía, coa transcendencia de quen recita un salmo. Na comisura do beizo asomaba o desprezo que todo insider sente cara ao outsider. Mais a trama de mordidas na contratación de obras públicas a construtoras (un clásico español desde os pelotazos do ferrocarril no s. XIX), onde un ministro e un secretario de Organización aparecen como presuntos cerebros e beneficiarios, pódese ler como a felipización do sanchismo. A mestura de charramangueirismo, cara dura, misoxinia e ambición que destilan os audios retrotraen aos tempos de Roldán ou Juan Guerra, onde arribistas amorais gabeaban coma carrachos polas estruturas burocráticas ata gangrenalas. As vindeiras semanas prevense penosas para os da rosa, e todo redundará na idea de estarmos ante outro gran peche de ciclo, agora circunscrito ao PSOE, que hai que enmarcar no colapso do sistema de partidos acontecido durante crise financeira de 2008, na emerxencia dun movemento rexeneracionista como foi o 15-M, no xurdimento de Podemos como partido que soñou coa Pasokización, na irrupción de Sánchez como a esperanza dos militantes fronte os burócratas, na replicación do fenómeno Podemos, con Ciudadanos, como substitutivo dun PP enlamado ata o pescozo, e polo conseguinte esfarelamento de toda esa potencia rexenerativa e a conformación, con Vox, dunha corrente autoritaria chea de personaxes sen escrúpulos que promete man dura indiscriminada como bálsamo de Fierabrás. A frustración e o nihilismo sepultarán, para moito tempo, calquera idea de mellora sistémica. E isto sucederá malia que Pablo Iglesias, dentro da súa estratexia de salvar os restos do naufraxio da esquerda española, regrese á retórica grandilocuente de 2014 (como se o seu paso polo goberno non formase parte do mesmo conglomerado de impotencia). Canto ao BNG, quen, a diferenza dos tempos de González, tirou grandes resultados electorais no cénit do PSOE de Sánchez, o descenso daquel aos infernos engordará, a priori, o seu rédito electoral. Cousa distinta será se o xa débil PSdG se dilúe ata tal punto que o beneficiario derradeiro do asunto acabe sendo Rueda. En calquera caso, todos os grupos que completan a maioría socialista terán que valorar –se o andazo da corrupción acaba afectando a Sánchez– se o retrouso "Que vén Vox!" será suficiente para xustificar o apoio.