A DINA e o nacional-popular
En 1959, na aldea sanabresa de Ribadelago, perto da raia coa Galiza oficial, a quebra dun encoro destruíu o casarío e decimou os seus habitantes. Franco liquidou o asunto cunha condena menor aos técnicos e co levantamento dun poboado de arquitectura sureño-modernista. A memoria do acontecido dependeu dos monumentos non oficiais erixidos pola veciñanza para honrar os mortos, mais froito do rearme españolista actual, o cartel de entrada de Ribadelago volve lucir pintadas que restitúen o apelido imposto ao lugar na ditadura: "De Franco".
Desque a DINA causou estragos no País Valencià, a maquinaria de bulos fascista non para. Un denuncia, curiosamente, a suposta teima da esquerda por derribar presas franquistas, o que estaría detrás da abraiante enchente de lama e morte. Dous por un: negacionismo e reescritura da historia.
"Onde está o Estado?", preguntábase a "liberal" Esperanza Aguirre nun chío que se sumaba á presión a Pedro Sánchez para tomar as rendas do País Valencià. A conclusión é sinxela: o Estado é o poder central e o exército a gran solución, desde sempre, aos problemas sociais. Mais o ronsel histórico das carencias do Estado (neste caso unha CA neoliberalizada polo PP) en tanto que administración ao servizo da xente e non da oligarquía, é longo de máis para limitar a politización da traxedia á dialéctica goberno-oposición. En contraste, a confrontación Estado-pobos é o enmarcado que adoitan usar os soberanismos. Ese marco, usado na catástrofe do Prestige, contribuíu a xubilar Fraga. En Galiza, cando falla o Estado (incluída a CA baleirada de contido polos cipaios), emerxe a nación. O afastamento da esquerda española desta abordaxe (inclúo aquí un Compromís asociado de máis ás estratexias madrileñas) e a confusión entre estar no Goberno e ser o Estado é que deixa o campo libre á dereita para fagocitar o de "só o pobo salva o pobo", mentres que a esquerda, asustada coma un coelliño, lexitima o enlamado Felipe VI, actor na sombra do golpe elitista, recentralizador e criminal en cernes. A extrema dereita madrileña, dona exclusiva do Estado, tamén pretende abandeirar, grazas á nula vocación popular da esquerda española, aquilo que non é Estado: o pobo. Á cada vez maior atomización e mediatización das sociedades, súmase un problema nacional irresolto que dificulta a emerxencia dun suxeito nacional-popular progresista. Un suxeito que é múltiple e oposto ao nacionalismo promocionado polo Estado e rendibilizado pola ultradereita.