Culturas políticas en debate
Celebráronse as IV Jornadas de Estudo Clara Corbelhe baixo o título "Culturas políticas no contexto galego: mudaças, limites, contradições". Tras a inauguración de Antom Santos, o historiador Mario San Martín deitou unha visión académica dos diferentes xeitos de entender o nacionalismo galego. Situou o BNG como a corrente principal, mais rodeada por minorías independentistas de tradición marxista-leninista, afastadas entre si, entre outras cousas, por cuestións coma a normativa lingüística. Noutro lado do arco, situou o galeguismo de centro-dereita, onde a transversalidade do binormativismo tamén opera como síntoma da diversidade de concepcións do país.
María Osorio, nun relatorio elaborado xunto a Charo Lopes e María Fra Bagaria, revisitou o independentismo dos 90 articulado arredor da AMI. Subliñou o carácter autoformativo da experiencia, protagonizada por xente sen vencellos directos coas xeracións anteriores, e a súa vontade de explicitar o conflito co Estado, mesmo a costa de fortes custes persoais. Ao tempo, reivindicou intuicións do movemento como a crítica á turistificación e á idea de progreso.
Quen escribe, propuxo un percorrido histórico sobre o auxe do movimentismo social, que explorou novas vías organizativas perante a crise da forma partido/sindicato tras a queda da URSS. O Foro Social Galego foi un dos lugares de encontro desas ideas que, logo do 15-M, confluirían na chamada Nova Política, a través da Alternativa Galega de Esquerdas e as Mareas. Unha experiencia de final traumático e pendente de autocrítica.
Na quenda da tarde, Xián Naia debullou a súa tese sobre a experiencia do Festival da Poesía de Salvaterra, mentres Xavier Sánchez Pazos lembrou, con viveza, certas vías de politización xuvenil dos 90, cando as agrupacións de seareiros de fútbol e o punk radical permitiron o acceso de xente nova urbana á visión crítica do mundo.
O día pechou cunha lectura guiada do clásico de J.A. Durán, El problema agrario en Galicia: otro proceso de cambio por derribo (1981), a cargo do historiador Bruno Esperante. Un texto que, coa ollada de hoxe, axuda a entender a disonancia dun mundo rural galeguizado que dá maiorías da dereita española.
Tería interese estender o espírito das xornadas a outros dous obxectos de estudo: a emerxencia na dereita galega de novos substratos urbanos separados da socioloxía conservadora rural e a falta de articulación galega dun partido socialista de vocación eminentemente municipal e provincial.