A Consellería de Cultura que non temos

Cando Xosé Lois Romero, na 37 edición do Festival da Poesía do Condado celebrado esta fin de semana en Salvaterra de Miño, dedicou a última canción do seu concerto coas Aliboria "a todas as asociacións culturais e festivais que hai polo país adiante e que manteñen a cultura popular viva" estaba convidándonos a fitar coa ollada do que ve por primeira vez o que xa non rexistramos por estarmos afeitos á súa presenza. O de Romero, máis que un agradecemento, era unha constatación: se hoxe existe unha cultura galega viva é porque hai unha rede de festivais e colectivos que funciona coma unha infraestrutura paralela. Máis invisíbel e precaria do que merecería, e aínda así bastante eficaz. É a Consellería de Cultura que non temos.

Neses espazos érguense as pequenas fortificacións da sociedade civil das que falaba Gramsci, esas casamatas que non son espectaculares (en realidade cifran o seu éxito en ligarse á cotiandade, a inserirse na trama da vida da xente), pero que manteñen en pé o edificio común. Gramsci dicía que a hexemonía se constrúe co "traballo molecular, paciente, capaz de xerar hábitos e conviccións". Iso é o que fai a SCD Condado e tantas outras asociacións culturais: crean costumes, consolidan linguaxes, transmiten maneiras de estar no mundo. Non a golpe de decreto, senón a través da experiencia compartida, do traballo mancomunado, da festa, do encontro.

Os festivais que se celebran de norte ao sur e de leste a oeste de Galiza non son simples escenarios para que as artistas presenten os seus traballos (que tamén). Son lugares onde se ensaia unha idea distinta de cultura: participativa, popular, desmercantilizada. Configuran espazos onde a lingua é natural, non un accesorio nin un ritual. E, sobre todo, propician momentos nos que se produce un tipo de sociabilidade cargada de utopía. Un lecer político, no sentido máis fondo da palabra.

Todo isto se sostén sen vento a favor. A contrapelo. Non só no plano material, tamén na falta de recoñecemento institucional, no silencio mediático, na sensación de traballar sempre á marxe. Mais a rede continúa, multiplícase, abre camiños. E non o fai por inercia, senón porque hai xente que se obstina en non soltar o fío. Nesa teimosía, que cose xeracións, está a garantía de que o país seguirá a ter un corazón cultural que latexa por baixo do ruído da cultura zombi oficial.