Unha cartografía ideolóxica
Terra a nossa! Discurso e identidade agrária na Galiza moderna (1875–1936), (2024), ten un gran valor historiográfico e político. O libro recupera e reelabora a tese de doutoramento de Antom Santos, secuestrada durante un rexistro policial, o que engade á publicación unha enorme carga simbólica. O contido ofrécenos unha análise penetrante das ideoloxías actuantes en Galiza durante un período no que as ansias modernizadoras acompañarán a construción do Estado-nación español. Santos sitúa o papel dos intelectuais no centro da análise, e ese é outro dos méritos do libro: a adopción da produtiva metodoloxía gramsciana con anterioridade a que a gramscimanía, peneirada por Laclau, se espallase, en Galiza e no Estado español, ao albur da “nova política”.
Antom Santos percorre as principais correntes político-intelectuais que actuaron no país entre 1875 e 1936: desde o arbitrismo de raíz ilustrada, aos liberais e moderados da Restauración; dos rexeneracionistas e protorexeneracionistas como Lamas Carvajal, ata os intelectuais-técnicos propios da construción do Estado moderno; dos social-católicos aos rexionalistas e aos agraristas; dos nacionalistas galegos, aos socialistas, anarquistas e comunistas; ata finalizar coas teorizacións das correntes afíns a Franco. O autor reconstrúe a cosmovisión de cada unha destas tendencias a través da súa produción discursiva sobre a figura do labrego, convertida aquí nun espello invertido da súa propia identidade política e cultural. O labrego e a labrega aparecen apenas como negativo fotográfico: primeiro, como un “outro inapreixable”, unha excrecencia a deixar atrás no camiño modernizador. Despois, coa chegada do sufraxio universal e a lei de asociacións, coma un suxeito pasivo que cumpría encadrar, a través do discurso, para, eventualmente, lideralo. Para todas estas faccións, o campesiño é, como sinalou Spivak, un subalterno que “non pode falar”. E, malia isto, Antom Santos deixa caer, entre liñas e desde a empatía, hipóteses sobre cal podería ser, realmente, a antropoloxía e a política desde “fósil” premoderno que teimou en perdurar nos vales do país até finais do s. XX.
Terra a nossa! é unha fiestra aberta á historia das ideoloxías do país e, ao tempo, un exemplo metodolóxico para realizar unha tarefa de máxima utilidade para o presente: dispor dunha radiografía dos discursos que emiten os herdeiros desas correntes político-intelectuais na Galiza do s. XXI.