Unha alianza pendente
Ramón Grosfoguel adoita analizar o mundo moderno-colonial a través dunha división radical: a da zona do ser, onde habita a humanidade plena, e a da zona do non ser, onde se relega os corpos racializados do Sur global, reducidos a subhumanidade. Moitas das persoas migrantes que arriscan todo por chegar a Europa ou a Norteamérica non perseguen outra cousa que fuxir do horizonte da morte e gañar, se cadra, a esperanza da vida. Mais iso non se garante automaticamente ao pisar o paraíso hiperbóreo.
A caza do "mouro" que estourou en Torre Pacheco, Murcia, alimentada polos altofalantes da extrema dereita, lembrou ás veciñas e veciños que non encaixan no fenotipo hexemónico que a reentrada na zona do non ser é unha ameaza permanente. Esa exclusión sófrese na cotidiandade de xeito latente e agudízase en momentos críticos cunha violencia brutal. A pulsión pola expulsión simbólica –e a ameaza de expulsión real– dos corpos marcados pola súa cor de pel, relixión ou procedencia paira como unha gadaña sobre os pescozos dos migrantes.
Porén, a mesma extrema dereita que clama pola "limpeza" dos estranxeiros (pobres) sabe que a man de obra migrante é estrutural para as economías de Europa e Norteamérica. Os que financian e publicitan o escuadrismo non permitirían que os lemas incendiarios se transformasen en políticas reais: nos despachos afastados dos barrios onde chocan os autóctonos e os migrantes, o único que se procura é disciplinar os traballadores máis precarios. Manter a tensión permanente sobre os corpos racializados é o xeito de impedir que aqueles accedan a dereitos civís ou laborais.
Na II Escola Decolonial da Coruña apelouse á necesidade dunha alianza entre as esquerdas soberanistas do Estado español e os movementos migrantes e antirracistas. Instouse a superar todo sectarismo e maximalismo moral para construír esa alianza, nun contexto no que as dialécticas que afectarán a migrantes e movementos de liberación nacional do Estado serán cada vez máis endiañadas.
O acontecido en Cataluña, co escándalo provocado por unha representación dramatizada onde un grupo de mulleres latinoamericanas denunciaba a "discriminación" que supuña a esixencia do catalán, sen mostrar ningún tipo de consciencia de estaren a facer esa denuncia na lingua imperial, é un aviso. Se non comezamos xa a traballar conxuntamente, os malentendidos e os conflitos multiplicaranse, envelenando relacións que deberían ser de solidariedade e loita compartida.