A soidade de José Ramón

A enquisa de EM-Analytics para este xornal amosaba a semana pasada o que é unha realidade incontestable no noso país: os bloques políticos permanecen inamovibles, sen cambios electorais desde que, hai case ano e medio, se celebrasen os últimos comicios electorais do noso país. O PP permanece por riba da maioría absoluta –un feito que desde o primeiro Goberno de Fraga só se alterou por un escano xusto no 2005–, mentres o Bloque capta votos –e actas– dun mirrado PSdeG.

Gómez Besteiro segue afundindo lentamente o seu partido nun pozo electoral que parece non ter límite. Se xa en febreiro de 2024 os da rosa firmaron unha derrota electoral nunca vista no territorio galego, o partido non logra recompoñerse e trasladar unha imaxe fiable, de unidade e, sobre todo, de ideas. Por unha banda, é evidente que a imaxe estatal das siglas, duramente manchadas polos escándalos como o de Santos Cerdán, asesta un duro golpe á moral socialista. Mais, pola outra banda, a falta de valentía política e habilidade do secretario xeral dos socialistas galegos é, tamén, un signo da descomposición que vive o partido.

Non podemos esquecer tampouco aquelas palabras de Rubalcaba, nas que sinalaba que "leal significa que cuando un partido decide, pues al final hay que trabajar todos en la misma dirección". É por iso que a actitude de persoas como Gonzalo Caballero, que decide non presentarse aos procesos internos e despois cuestiona os liderados, resulta, claramente, nunha actitude que non se debe tolerar desde unha organización. Non estamos ante persoas que discrepan –o alcalde de Ames– ou que entenden (e efectivamente) que se comete unha inxustiza ou un proceso incorrecto –os malchamados díscolos, que defendían a postura estatal do seu partido cando foron expulsados–. Estamos ante persoas que danan, deliberadamente, o partido.

Non obstante, Besteiro amosa cada día a súa incapacidade para recoser o partido. A imposibilidade de activar medios para ter un impacto real do "traballo" socialista na cidadanía é, sen dúbida, unha das probas máis evidentes. Esta mesma semana, o PSdeG activou 15 mesas de traballo con 173 militantes, unha iniciativa que, unha vez máis, volverá quedar esquecida, tal e como aconteceu con 'Diálogos con raíz', unha proposta socialista que non permeou, tan sequera, nas propias bases do partido.

A desmobilización instalouse na sede do Pino. Nin tan sequera o proceso de renovación das estruturas locais e provinciais logrou calmar as augas dun partido que, publicamente, perdeu a coherencia con accións como as de Compostela, Brión, O Carballiño etc. Ademais, as dificultades para facerse oír entre o discurso do BNG –quen pode opinar o que desexe porque non ten estruturas por riba– e a necesidade de ser afín a Ferraz deixa, evidentemente, a Besteiro e o seu partido sen un discurso claro e contundente. Problemas, todos eles, cuxa solución semella clara para todos nós: un (novo) lide