Respondeat superior

Santos Cerdán, Alfonso Villares, Koldo, Ábalos, Mazón etc. Os nomes e apelidos acumúlanse nas portadas dos xornais, nas televisións e no noso imaxinario. Pero pesan demasiado. Tanto que é imposible seguir a actualidade para un cidadán atento e, digámolo, especializado. A masa, ese público xeral, pérdese entre tantos conceptos, entre os ilícitos. Un caso é un escándalo. Un caso ao día é ruído. E así, pouco a pouco, os días van pasando por nós.

Como cada certo tempo, un vídeo repítese en redes sociais. España ten máis de 400.000 políticos. Máis que non sei que países da UE. Porén, a realidade é moito máis complexa ca un dato que, sen concretar, non é certo de todo. Ou si, pero non coa intención de quen o presenta. De toda esta cantidade, unha boa parte somos os concelleiros e concelleiras que compoñemos os concellos de todo o Estado. En Galicia somos, aproximadamente, 3.700 os edís que representamos a veciñanza. Non obstante, unha boa parte de nós non cobra un soldo pola súa función. Temos un cargo, si, computamos a esa cifra, pero tamén unha carga. Un municipio coma Bueu, de 12.000 habitantes, ten 17 concelleiros, dos que seis contan cunha dedicación, é dicir, cun soldo. Só un desenvolve as súas funcións en réxime de dedicación exclusiva. O resto poden compatibilizalo con outros traballos. Os outros once percibimos, xuntos, nun trimestre, 8.000 euros. Quen lles fala, 520 euros antes de impostos. En tres meses.

A realidade é que o discurso ao redor do lucro da política responde, exclusivamente, á antipolítica. A aquelas persoas que precisan do barullo para medrar. A inmensa maior parte das persoas que nos dedicamos á función pública facémolo por vocación, por vontade. É por iso que os casos que están saíndo en cascada do PSOE doen tanto. Porque a inmensísima maioría facemos as cousas por simple vontade. Vemos, moitas veces, como esas persoas que exercen cargos en asociacións veciñais, culturais, de comerciantes etc. se pasan a este lado, ao dos municipios. É, simplemente, o natural. Querer ir onde se toman as decisións reais. Quer no goberno –para executar–, quer na oposición –para esixir–.

A semana á que lle demos termo este domingo, 15 de xuño, supuxo, como é evidente, un duro golpe para o executivo de coalición. Unha voadura descontrolada nun goberno acostumado ao caos. As explicacións de Sánchez e as accións non estiveron á altura. Lembroume, como era inevitable, a ese momento no que Aguirre aludiu a algúns que lle "salieron rana". O principio do "respondeat superior" –é dicir, que o superior responde do feito polo inferior– aplica en todos os casos e, cando menos, demostra a falta de bo criterio de Pedro Sánchez á hora de escoller os seus secretarios de Organización, logo de que os dous últimos –Ábalos e Cerdán– se vexan involucrados na mesma trama, con audios e outras probas mediante.

Porén, nestes días pensaba, sobre todo, na importancia de determinar estes feitos como o que son. Persoas concretas que deben ser xulgadas e condenadas a través das probas. Pero non como unha escusa para denigrar a política. Non como un medio para que a antipolítica se faga un oco máis grande da nosa sociedade. Porque si, a inmensa maior parte das persoas ás que nos denominan políticos, somos honrados e non cobramos polo noso traballo. O pago é ver a res publica. Mellorar as cousas, ver os sorrisos dun neno cando se fai un parque novo, a alegría do comercio cando se fomentan as vendas, saber que un colega vai poder ter un piso porque consegue un alugueiro xusto. O acceso á educación, á cultura, á sanidade, á igualdade. Ese é o pago. Moi lonxe de Santos Cerdán, Alfonso Villares, Koldo, Ábalos, Mazón etc.